AITOR REI, DIRECTOR DO DOCUMENTARIO SOBRE A TRAXEDIA DO ALVIA

"Buscamos crear un debate na sociedade e que se depuren responsabilidades"

Aitor Rei

Frankenstein-04155 estrearase na Galiza o 18 de novembro en Cineuropa (Compostela).

 

Aitor Rei, director de Frankenstein-04155, atende a chamada de Sermos Galiza desde Valladolid na véspera da presentación do documentario na Semana Internacional de Cinema que acolle o Laboratorio das Artes. Apenas 24 horas antes de se proxectar, "estamos a piques de colgar o cartaz de entradas esgotadas". Aínda que "o día e a hora" non axudan, a curiosidade arredor do filme é total. 

Un proxecto no que Rei se embarcou da man da Plataforma de Vítimas do tren Alvia de Santiago de Compostela e que visa abrir "un debate na sociedade" tantas veces rexeitado nos Parlamentos. O seu obxectivo, defenden, é "afondar na investigación" para "que non se volva repetir". 

A estrea na Galiza farase agardar até o vindeiro mes de novembro. A presentación será en Cineuropa o 18 de novembro. 

Este proxecto é moi diferente ao que viñeches facendo, até o de agora, na túa carreira. Por que decidiches embarcarte nel?
Como director sempre digo que as historias búscante a ti e esta atopoume nun momento de madurez, con 15 anos de experiencia como actor, guionista e director. Frankenstein-04155 é diferente pola trascendencia do caso, porque hai 81 mortos e máis de 140 feridos. 

O nome, Frankenstein-04155 é curioso, a que se debe?
Era o nome polo que se coñecía ao Alvia S-730 no argot ferroviario e chamábanlle así porque --e cito textualmente as declaracións dun ex-directivo de Adif-- estaba feito "a trozos ou retallos doutro produto" o Alvia S-130 ao que lle incorporan dous xeradores para que poida circular por unha liña sen electrificar. O 04155 era o número de servicio do día do accidente e que aínda continúa conectando Madrid-Ourense-Santiago-Ferrol. 

"Frankestein era o nome polo que se coñecía o alvia S-730 no argot ferroviario porque estaba feito con retallos doutro produto"

Após dous anos do accidente, hai máis sombras que luces sobre o acontecido? Ten por obxectivo o documentario deitar luz?
O documentario vén a deitar moita luz e xa o está a facer. Nas últimas semanas demos a coñecer que o tren circulaba con máis peso do permitido o que coincidiu co auto de fechamento da instrución por parte do xuíz mantendo como único imputado o maquinista. 

O filme dá a coñecer máis dados novos para alén do peso?
Esta é unha liña de investigación, porén, hai máis que darán máis luz. Os argumentos que se usan en Frankenstein-04155 parten da propia documentación de Renfe e Adif. A Plataforma Víctimas do tren Alvia de Santiago de Compostela leva tempo pedindo que Adif e Talgo aclaren por que viaxaba nestas condicións. A resposta continúa a ser o silencio e, perante iso, a indignación das vítimas vai en aumento. Antes de vir para Valladolid chamei a algunhas delas, pregunteilles como estaban e dixéronme "subimos polas paredes". 

Que reacción buscades no público?
Como director tento respostar a dúas preguntas. Unha, cales son os feitos e dúas, cal é a verdade que revelan. Buscamos crear un debate na sociedade e que se depuren responsabilidades. No marco dun accidente coma este existen distintos tipos de causas, as inmediatas, que neste caso recaen sobre o maquinista; mais tamén están a causa básica e a causa raíz. Por que a investigación só se centra na inmediata? Queremos afondar na investigación para tentar que non se volve repetir. 

"Como director tento respostar a dúas preguntas. Cales son os feitos e cal é a verdade que revelan"

Un amplo abano de voces compoñen o relato do documentario mais ningunha é dos responsábeis políticos antes e despois do sinistro. Por que?
Como autor interésame a voz de todas as persoas implicadas. Ofrecéuselle a cámara a José Blanco, ex-ministro de Fomento, á actual ministra, Ana Pastor, ao maquinista e aos responsábeis de Adif, Renfe e ás vítimas. Non quixeron participar mais afortunadamente cubrimos esa carencia coa hemeroteca e a documentación oficial. 

Tirando de hemeroteca descubrimos que o que foi anunciado a bombo e prato como Tren de Alta Velocidade despois non era tal... 
Tanto José Blanco como [Alberto Núñez] Feijóo --e iso está gravado-- anunciárono como unha liña de alta velocidade. Ao día seguinte do accidente dixeron que non o era. Mais a resposta está no Boletín Oficial do Estado (BOE) e aí pon que é alta velocidade. Alguén mente e eu non son. 

Imaxino que as vítimas xa viron o documentario, cal foi a reacción?
Só tres persoas o viron até agora. Fomos moi coidadosos para que non houbese filtracións. Mais, cando o viron dixeron: "demoledor" e "grazas".