Atopada a muller de 82 anos desaparecida o sábado en Ourense

María Fernández Soto. (Foto: SOS Desaparecidos)
Esta mañá retomouse o operativo de procura após incorporar o domingo drons da Axega.

A muller de 82 anos da que non se tiña coñecemento desde o sábado ao mediodía en Ourense foi atopada esta segunda feira en bo estado de saúde xeral, malia que presentaba algunhas feridas leves. Foi trasladada en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para unha revisión.

María Fernández Soto, veciña da avenida de Portugal, foi localizada por un particular, que chamou ao 112 tras atopala desorientada á altura do quilómetro 233 da estrada OU-525. Foi atendida no hospital ourensán após notificarse a súa aparición.

O Grupo de Apoio Loxístico desprazouse a Ourense co fin de tomar parte nun operativo coordinado polos axentes da Policía española. A central de emerxencias do 112-Galiza recibiu a alerta o sábado contra as 13.45 horas de que a muller, faltaba do seu domicilio en Ourense.

Adoitaba pasear pola zona de Seixalbo, lugar onde se centrou a procura nas primeiras horas do dispositivo. Tras ter coñecemento do caso, foron avisadas a Policía Local, Garda Civil e Protección Civil de Ourense, que conforman xunto aos axentes da Policía Nacional o equipo de procura.