En busca e captura o salesiano condenado a 32 anos de cárcere por abuso de menores, ao non ingresar en prazo en prisión

Os maxistrados rexeitaron o recurso de apelación presentado polo cura. (Foto: Colexio Salesianos)
O sacerdote foi condenado por abusar sexualmente de seis menores no colexio dos Salesianos de Vigo, onde traballaba.

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra vén de emitir unha orde de busca e captura de Segundo C.V., un sacerdote salesiano condenado a 32 anos e medio de prisión por abusar sexualmente de seis menores, e que non ingresou voluntariamente no cárcere no prazo que se lle deu.

Segundo informaron fontes xudiciais, "os numerosos recursos presentados polo condenado provocaron que se atrasase o inicio da execución da sentenza do Tribunal Superior de Xusticia da Galiza (TSXG)", que ratificou en maio de 2022 a condena imposta polo tribunal provincial en outubro do ano anterior.

A sentenza do alto tribunal galego non foi firme até outubro do ano pasado e os recursos presentados fixeron que a Audiencia Provincial de Pontevedra tivese que manter en suspenso a execución da pena até novembro, momento en que se iniciaron os trámites para o seu cumprimento.

Estes trámites tamén poden ser obxecto de recurso e ten que darse traslado ás partes de todos os pasos. Así, o procedemento alongouse até a pasada quinta feira, momento en que a Audiencia de Pontevedra deu ao condenado un prazo "inaprazábel" de tres días para ingresar en prisión a cumprir a pena imposta. "Ao non constar que o condenado se presentase en prisión para cumprir a pena privativa de liberdade imposta, a Audiencia emitiu unha orde de busca e captura", sinalaron fontes xudiciais.

Recursos presentados

As mesmas fontes explicaron que Segundo C.V. presentou varios recursos perante o Tribunal Superior de Xustiza, dos que se tivo que dar traslado e respectar os prazos estabelecidos por lei. Así, no mes de xullo, o condenado presentou un recurso de reposición no que alegaba que non se lle notificou a sentenza persoalmente, algo non requirido. Ese mesmo mes pediu a suspensión da pena de prisión mentres non se resolvía ese recurso de reposición, que foi desestimado polo TSXG o 20 de xullo, ese mesmo mes.

O día 28 de xullo, o condenado presentou un recurso de revisión sobre a desestimación do recurso de reposición; o 21 de setembro o TSXG emitiu un auto no que o desestimaba; o 22 de setembro solicitou a nulidade das actuacións porque entendía que os prazos non debían comezar a contar desde que se emitiu a sentenza, senón desde que se resolveron recursos; o 18 de outubro, o TSXG emitiu un auto no que decretou que non había lugar á nulidade das actuacións e declarou firme a sentenza.

Xuízo e condena

Segundo C.V., sacerdote e encargado de actividades extraescolares no colexio dos Salesianos en Vigo, foi xulgado en xullo de 2021 na Audiencia Provincial de Pontevedra. En outubro dese ano, o tribunal ditaba sentenza condenando ao procesado a penas que sumaban 32 anos e medio de cárcere, e a 36 anos de liberdade vixiada, por abusar sexualmente de seis menores, alumnos dese colexio relixioso. Aliás, estabeleceu a prohibición de achegarse e comunicarse coas súas vítimas entre 4 e 9 anos, e tamén foi inhabilitado durante 31 anos para o exercicio de cargo, profesión ou oficio que requira contacto con menores.

A Audiencia considerou probado que, durante un campamento na localidade de Cambados, nunha peregrinación a Santiago de Compostela e na sede dunha asociación xuvenil vinculada ao colexio, o acusado realizou tocamentos nos xenitais a varios menores, aproveitando a súa condición de superioridade, ao ser profesor dos mozos e monitor nas súas actividades extraescolares.

En total, a Audiencia sinala que foron seis os mozos afectados, e que sobre eles Segundo C.V. cometeu sete delitos de abusos sexuais, tres deles continuados. En todos os casos, sinalou o tribunal, deuse a circunstancia agravante de abuso de superioridade.

Os maxistrados outorgaron credibilidade ao testemuño dos menores e rexeitaron que denunciasen os feitos guiados por un ánimo espúreo ou por interese de prexudicar ao procesado. Ao contrario, na súa resolución lembraron que o acusado "non era só un profesor, era o seu amigo, o seu referente" e os menores non gañaron nada denunciando os feitos, senón que, por contra, "sufriron as insidias e menosprecios doutros compañeiros que os chamaron mentireiros". En maio de 2022, o TSXG ratificou a condena e rexeitou o recurso presentado polo condenado, declarando firme a resolución en outubro.