Sermos Galiza 227

O bus, un sector con indicios de corrupción

[Imaxe: Monbus]

O mapa do transporte interurbano está baseado nun sistema de concesións en réxime de monopolio que se remonta aos anos 50. O Tribunal Supremo anulou a ampliación durante dez anos de 129 das 144 rutas que cobren o país. A decisión reabre o debate arredor do modelo de autobús que necesitamos, un debate co que abrimos o Sermos Galiza 227, á venda na loxa. Recollemos un extracto da reportaxe.

 

 

O Tribunal Supremo estimou o recurso interposto pola Comisión Nacional de la Competencia (CNMC) por ter vulnerado coa prórroga automática o regulamento europeo de 2010. Para o organismo, os prazos estabelecidos eran “absolutamente desproporcionados” e apuntaba a que esta práctica derivou en “oligopolios” que fechan a porta a outras posíbeis empresas. Para eludir a normativa comunitaria, o Goberno de Alberto Núñez Feijóo tramitou unha lei con carácter de urxencia unha semana antes de que esta entrara en vigor.

Seis anos despois, o tribunal resolveu que esa prolongación “incondicional, durante dez anos máis a todas as concesións en vigor, sen ter en conta o período inicial e o xa transcorrido” non se axustaba á lexislación. A propia CNMC advertira o Goberno galego polo que consideraba “unha sorte de fraude de lei mediante o que se estabelece unha vía de escape ao procedemento de licitación competitivo”. Por exemplo, un total de 44 concesións prolongáronse alén do ano 2023, entre elas as principais rutas que unen as cidades coa súa área metropolitana. Algunhas chegaban até o 2028 e 2029.

A reforma foi aprobada cos votos do PP, a abstención do PSdeG e o voto en contra do BNG despois dunha lectura única, sen posibilidade de emendas. O texto tampouco contaba co ditame do Comité Galego de Transportes nin do Consello Económico e Social, nin tampouco se remitiu a outras consellarías. Os grupos da oposición sinalaron xa nese momento importantes dúbidas perante a prórroga. A entón deputada nacionalista Teresa Táboas aseguraba que máis que unha lei de urxencia era de “improvisación e irresponsabilidade”; mentres que o socialista Pablo López definíaa como “chapuza política”.

 

[Publicamos a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 227, xa á venda na loxa]