Por que ir en autobús da Coruña a Vigo custará 0,64 euros con Monbus, pero ir da Coruña a Ferrol 2,30 euros?

Antiga estación de autobuses de Santiago de Compostela. (Foto: Monbus)
Tanto a Xunta como Monbus anunciaron rebaixas de 50% e 45%, respectivamente, no prezo dos billetes do Corredor Atlántico.

No día de onte, Monbus anunciou que sumaría unha rebaixa de 45% ao prezo das súas viaxes dentro do Corredor Atlántico. Esta baixada de prezo supón que, sumada á bonificación que anunciou a Xunta de 50% dos billetes, as persoas usuarias destes servizos só pagarán 5% do seu valor inicial.

Así, ir da Coruña a Vigo pasará de costar os 14,15 euros que os viaxeiros debían pagar até agora, a pagar 0,64 euros. O traxecto Fene-Vigo, por 15,15 euros até o de agora, quedarase en 0,68 euros. O mesmo ocorre coa viaxe de Ferrol a Vigo, cun prezo inicial do billete de 15,65 euros, pero que agora suporá 0,70 euros.

Porén, e tal e como destacaron varios usuarios dos servizos de Monbus nas súas redes sociais, hai unha das viaxes que, a priori, non estará incluída nos descontos que aplicará a empresa de autobuses. Trátase do traxecto Ferrol-A Coruña, cun prezo inicial de 4,55 euros e que, coa bonificación do Executivo galego, quedarase en 2,30 euros.

A propia compañía compartiu unha táboa na que as usuarias poden ver cal será o prezo definitivo dos seus billetes. Nesta táboa, na que si aparece o prezo final para poder viaxar desde Ferrol até Santiago de Compostela (0,37 euros), Pontevedra (0,61 euros) e Vigo (0,70 euros), non aparece recollido o desconto final no traxecto Ferrol-A Coruña. Calculando ese desconto, sae que o billete tería un custo final de 0,23 euros.

Cal é o motivo?

Polo de agora, Monbus non deu ningunha explicación de se finalmente este traxecto non estará incluído nos seus descontos, ou se foi un erro ao deseñar a táboa da relación de prezos, polo que é difícil saber cal é o motivo real.

Porén, varios usuarios deste servizo denunciaron que a falta calidade do servizo ferroviario que ofrece Renfe entre A Coruña e Ferrol estaría detrás da motivación que levou a Monbus a, presuntamente, excluír esta viaxe das súas bonificacións de 45%.

“Como o tren Ferrol-A Coruña segue sendo penoso, [Monbus] decide non rebaixar o seu bus Ferrol-A Coruña. E así é como se afunde unha cidade”, denunciaba unha persoa na súa conta de Twitter.