Burela de Cabo... Verde

Batuko Tabanka, unha agrupación musical caboverdiana nada en Burela

A comunidade caboverdiana reside nesta localidade mariñá desde a década dos '70. Unha tese doutoral desmente a idea de que Burela é un exemplo de integración social.

Galiza non é un territorio grande receptor de inmigración porén, si conta cunha das comunidades migrantes máis antigas do conxunto do Estado español. Atópase na localidade de Burela, provén de Cabo Verde e foi presentada tradicionalmente --quer polas institucións, quer pola imprensa-- como un paradigma ou modelo de integración social. 

A tese desmente a idea promovida desde as administracións e a imprensa de que Burela foi un exemplo de integración social coa comunidade caboverdiana

A antropóloga Luzía Oca desmente esta tese no seu estudo 'Caboverdianas en Burela (1978/2008): migración, relacións de xénero e intervención social'. 

Chegaron por primeira vez á Mariña lucense entre 1973 e 1977. Viñan para traballar na construción da Alúmina e deron na Galiza durante o seu traxecto desde Portugal cara a Franza. Cando remataron a obra tiveron que marchar pois non lles deixaron entrar a facer parte do cadro de persoal de Alcoa. No entanto, un pequeno grupo de homes e "apenas 3 ou 4 mulleres" decidiron quedar e embarcarse na frota do bonito. Corría xa o ano 1978. 

"Era un grupo principalmente masculino e pouco numeroso", sinala en conversa con Sermos Galiza Luzía Oca. "A partir de aí comezan a chegar máis persoas desde Portugal, había traballo" e unha pequena comunidade "aséntase arredor da pesca de altura", acrecenta. "Até 2004-2005 foi o único nicho de traballo". 

Discriminación

Coa adhesión do Estado español na Comunidade Europea e a implementación da Política Pesqueira Común (PPC) ábrese unha crise no sector e "entre 1993 e 1999 marchan por volta de 100 persoas". O sistema muda cara á unha "pesca capitalista", industrial, falta traballo e os salarios minguan. Porén, comezan a chegar as mulleres e a naceren crianzas na comunidade que queda. 

Os homes traballan na pesca, as mulleres na hostelaría ou en servizos domésticos

A "discriminación" padecida noutrora polos homes, aos que lles fora negada a entrada en Alcoa, segundo explica Luzia Oca, reprodúcese despois coas mulleres caboverdianas ás que o Estado español coida "dependentes do home" nos procesos de re-unificación familiar o que lles impide o acceso ao traballo regularizado. Abócaas así á economía somerxía e a "sectores feminizados" como a hostelaría, o coidado de persoas dependentes e en menor medida nalgún sector agrario. 

Na actualidade a comunidade caboverdiana asentada en Burela sitúase por volta das 500 persoas entre as que se atopan moitas nadas xa na Galiza. Porén, malia ter sido presentado como un modelo de integración social, Luzia Oca asegura que existe "discriminación" pois, afirma de maneira taxativa, "a integración é algo máis que vivir nun sitio e que non che dean de hostias por ser negro". 

"A integración é algo máis que vivir nun sitio e que non che dean de hostias por ser negro"

Un dos indicadores de que a integración da comunidade caboverdiana en Burela non é tal é que "case non hai parellas mixtas" mais tamén o "fracaso escolar" das crianzas ou o feito de "só traballar nun sector" económico, quer a pesca, quer a hostelaría ou os servizos domésticos. 

BogAvante, traballar desde dentro

"Nunca houbo intervención" por parte das administracións públicas, asegura. Apenas un proxecto posto en andamento Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusion Social (Regal) baixo o nome de BogAvante que se desenvolveu entre 1998 e 2000. Un proxecto de integración "multidimensional" con perspectiva de xénero pois as mulleres caboverdianas de Burela tiñan un elemento diferenciador a respeito doutras comunidades migrantes. O feito de estaren os homes embarcados na frota de altura tornounas nunha chave para a propia comunidade. Algo co que o desemprego rematou. 

Cando rematou o proxecto as administracións volveron ao "asistencialismo"

Porén, a partir da década de 2000, rematado o proxecto, "abandonouse a intervención desde dentro" e as administracións instaláronse no "asistencialismo". "Nunca se atendeu as necesidades da comunidade", afirma, "non é que exista unha exclusión flagrante mais [a comunidade] está fechada en si propia". 

As políticas desenvolvidas, asegura desde unha perspectiva xeral, "empurraron a xente aos ghettos" e no caso de Burela esté é "relacional". Para rachar con iso desde BogAvante "demos a coñecer Cabo Verde" através da súa cultura, gastronomía, música... "Tentamos abrir ese mundo, que coñecesen que comen, como falan" pois "en Burela non se coñecía nada". A identidade cultural, subliña Oca, "non se pode disociar do social e moito menos dos dereitos" pois constitúe, di, "unha ferramenta para a integración". 

Luzía Oca advirte dun ghetto "relacional" ao que se viu empurrada a comunidade caboverdiana

A escola

Mais non a única. A escola é "a principal vía de mobilidade social ascendente", apunta. As primeiras persoas da comunidade caboverdiana burelá que chegaron á universidade fixérono "a partir de 2004" e fixeran parte do proxecto BogAvante. "Tiñan problemas de identidade" cando comezaron a iniciativa, sinala, agora "hai un grupo de adolescentes que non se relaciona con brancos", teñen os seus espazos "bares, grupos de amizades. "Hai xente que de maneira individual se deixa a pel na escola" na procura da integración social, porén, "o sistema falla", denuncia. Actualmente, o abandono escolar aos 16 anos é algo habitual entre a comunidade caboverdiana, as mozas insírense laboralmente no sector servizos e os mozos no mar. Aliás, subliña, "hai moitos ni-nis" (nen estudan, nen traballan). 

O estourido da crise mudou tamén as dinámicas internas da comunidade. A pesca vai a peor, os salarios caen e o paro devolve á casa os homes embarcados. Re-instalouse o "sistema sexo-xénero" e "o perfil familiar mudou" re-abrindo o modelo de masculinidade patriarcal ao tempo que aumentan os casos de "violencia machista". 

A tese de Luzía Oca evidencia que o modelo de Burela non é exemplo de integración. "Hai que asumir a diversidade" a inclusión social, di, "é un camiño de dúas vías".