Caderno de Verán

As oleiras fan unha 'mostra' de portas abertas

Unha oleira de Buño ensina o seu traballo na rúa (Foto: Nós Diario)
As medidas sanitarias e de precaución fronte á Covid-19 tiveron en suspenso este evento. Finalmente estase a realizar para atraer turistas pero dun xeito diferente ao que viña sendo habitual. Cada familia artesá abrirá as portas do seu taller máis horas, tanto por semana como a fin de semana.

A de Buño é unha historia peculiar: pasou de ser a capital da artesanía en barro da Galiza influínte e con moito movemento a seguir sendo referencia para ir a mercar pero ter unha vida cotiá bastante apagada. Pasou nos últimos anos e a Covid-19 non axudou. De feito, a Mostra de Olaría que se fai todos os anos estaba suspendida pero finalmente se está realizar. Iso si: dunha maneira diferente da que agardaba o público. 

No canto de concentrar todos os postos de venda nun mesmo lugar, que tamén acollía exposicións e mostras de como se traballa o torno, este ano o esforzo vai dividido en tantas partes como obradoiros hai no lugar. 

O Concello e os promotores da feira organizaron concertos a pasada fin de semana e tamén haberá os días 8 e 9, pero o resto da festa vai por apartados. Non postais porque Buño é pequeno, pero case. 

A crise sanitaria deulles un golpe ben duro as persoas que se adicaban a isto porque non saen cuncas nin pratos para verbenas, exaltacións gastronómicas nin vodas. O que fan agora é tratar de conservar algo e atraer o turismo para vender pezas tradicionais e máis modernas. 

"Temos as portas máis abertas que nunca nos obradoiros e tendas", aclaran desde Olaría Aparicio, unha das máis recoñecidas. Precisan as visitas  porque "non saíndo nada pola cancelación das festas". "Resistir resistimos porque non queda outra; tamén se resistiu na posguerra pero uns o fixeron mellor e outros peor", reflexiona.

Na Alfarería Lista, outra das famosas, recoñecen que a situación "matounos". "As verbenas e as vodas eran unha fonte de ingresos grande e fallounos", engade o mestre oleiro, aludindo tamén ás feiras medievais.