Bueu sae á rúa para pedir a repatriación de Pablo Costas do Iemen

Mobilización en Bueu para pedir que as administracións repatrien canto antes a Pablo Costas. (Foto: CUT)
A veciñanza que ateigou a praza do Concello de Bueu este sábado reclama ás administracións que actúen xa para traer de volta a Pablo Costas, mariñeiro galego retido no Iemen que leva catro días sen comida.

Xa son catro os días que leva o mariñeiro buenense Pablo Costas a base de agua con azucre e té, despois de que se remataran os víveres no buque Cobija, preso no Iemen desde hai once meses.

Perante a inacción das distintas embaixadas españolas na zona, a vila de Bueu encheu a praza do Concello dar a coñecer a “situación agónica” de Costas e instar a Administración a actuar canto antes, despois do chamamento da Central Unitaria de Traballadores (CUT).

Amais de Costas, solicitaron que fosen repatriados outros 32 mariñeiros “secuestrados” no porto de Al Mukallah, baixo o Goberno do Consello de Transición do Sur, unha das faccións belixerantes nun país que leva desde 2014 sumido nunha guerra civil.

Manolo Camaño, asesor do sindicato en Cangas do Morrazo, apuntou que, ademais da mobilización, repartiron follas informativas e carteis en estabelecementos e comercios de Bueu para informar da situación de Costas e conseguir que o Estado español repatrie o mariñeiro, até entón, “a protesta ten que continuar”, destaca.

Hoxe mesmo, Camaño confirmou que foi quen de comunicarse con Costas, quen confirmou a situación desesperada na que se atopa a tripulación do buque, salientando que a auga con azucre e té, “é o único que lles queda”

O barco está retido nun peirao do porto iemení despois de que Australia emitira unha orde de detención da Interpol por pesca ilegal, no medio dun cambio na propiedade do navío.

Forzas políticas como o Bloque Nacionalista Galego (BNG) ou a Marea Atlántica, reclamaron o apoio das institucións estatais ao mariñeiro galego.