PATRIMONIO

Bueu recupera a súa historia marítima co Estaleiro de Purro

Acto de presentación dos libros no Estaleiro de Purro.

O Estaleiro de Purro foi a derradeira carpintaría de ribeira en activo en Bueu, onde se formaron e traballaron moitos veciños desta vila do Morrazo que vén de realizar un acto de benvida para festexar a primeira fase de rehabilitación do estaleiro.

“Esta actuación enmárcase dentro do que para nós é algo sagrado: o respeito polo que fomos e somos como pobo e o compromiso para que o que fomos e somos sigamos a selo no futuro”. Con estas palabras Félix Juncal, alcalde de Bueu, explicaba a recuperación do Estaleiro de Purro, tamén coñecido como Estaleiro da Banda do Río, na festa de benvida das obras de rehabilitación da que foi a derradeira carpintaría de ribeira da vila, ligada intimamente á historia marítima.

 

Aínda existen embarcacións en Bueu que saíron do Estaleiro de Purro, cuxa faciana é xa parte da paisaxe urbana da localidade, sempre vinculada aos barcos e ao mar. Hai dez anos o Goberno local encetaba os trámites para a rehabilitación desta carpintaría de ribeira. Non foi doado. Así o testemuñaba Juncal no acto de benvida que decorreu na contorna do estaleiro na tarde do sábado, 22 de setembro. E é que había unha fonda división entre quen consideraba que debía recuperarse o estaleiro para o pobo e quen acreditaba en construír o paseo marítimo de costas ao pasado e á tradición de Bueu. Porén, como salientou o alcalde nacionalista, “as institucións estamos para facer posíbel o imposíbel” e a recuperación desta carpintaría de ribeira é hoxe unha realidade.

 

A rehabilitación impulsada polo concello supón a posta en valor dun patrimonio industrial tradicional e dos elementos da arquitectura tradicional mariñeira a través dun proxecto museístico previsto, que se desenvolverá nunha segunda fase de actuación. E é que, como advertiu o rexedor, a do pasado sábado “pretendeu ser simplemente anticipo da festa que se fará coa execución da segunda fase do proxecto de rehabilitación”.

 

No acto de benvida, ideado como primeira toma de contacto co espazo recuperado, tamén tomou a palabra a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen salientou que a rehabilitación do Estaleiro da Banda do Río “é un dos mellores exemplos de respeito polo patrimonio, adaptado ás oportunidades do século XXI e pode servir de modelo para outros lugares”. O ente provincial, a través do Plan Concellos, achegou 200 mil euros para estas obras.

 

Xosé Leal, deputado nacionalista responsábel da Área de Cultura e Lingua e concelleiro en Bueu, subliñou na súa intervención que “hoxe recuperamos algo moi noso, este estaleiro, e facémolo para, como rezaba o lema desta festa de benvida, o desfrute da xente, para que todas e todos vós vos acheguedes e vexades que a tradición que había segue viva e seguimos facendo dela o noso leitmotiv do futuro”.

 

O acto festivo arrancou coa presentación de dous libros relacionados coas embarcacións tradicionais, o estudo da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial “A dorna, a gamela e o galeón”, editado polo Servizo de Publicacións do ente provincial, e “Vento nas velas”, do fotógrafo Xurxo Lobato. A continuación, tiveron lugar as danzas aéreas por parte de Rebeca Santos e a música en directo de Sonia Lebedynski.