Bueu, un patrimonio vivo e dinámico

Agradábeis áreas de lecer, praias paradisíacas, roteiros, arqueoloxía, etnografía, arte… son fíos que tecen Bueu, unha vila con futuro que combina unha insólita riqueza natural coa historia que agochan as pedras de igrexas e pazos.

Bueu é futuro. Unha vila viva e dinámica que se teceu cos fíos do patrimonio tanto na trama urbana como nas parroquias. Desde muíños a cruceiros pasando por modernas construcións e esculturas contemporáneas.

 

Porque Bueu é mar, un dos inmobles máis destacados é o Estaleiro da Banda do Río, hoxe en fase de rehabilitación, intimamente ligado á historia recente do concello. E é que foi a derradeira carpintaría de ribeira en activo. Tamén coñecido como Estaleiro de Purro, converteuse en parte da paisaxe urbana de Bueu e é hoxe todo un referente. A súa imaxe é vínculo de unión entre o presente e o pasado de Bueu, sempre vencellado aos barcos e ao mar. A súa rehabilitación e posterior musealización valorizarán un patrimonio industrial tradicional e os elementos da arquitectura tradicional mariñeira.

 

Outro dos centros que lembran a importancia do mar para Bueu é o Museo Massó, creado en 1932 e situado na antiga fábrica de conservas. A orixe dos tesouros lévanos a principios do século XX, cando comeza o labor coleccionista da familia catalá, que se instalou en Bueu a principios do século XIX para estabelecer empresas relacionadas coa pesca e salgadoiros nun primeiro momento e, posteriormente coa conserva.

 

Félix Juncal: “Desde o minuto cero, apostamos polo patrimonio"

 

Libros datados na época que transcorre entre os séculos XV e XIX, instrumentos náuticos, cartografía, documentos e maquetas de embarcacións históricas constitúen a alma desta colección. Destacan a esfera armilar (1800-1850); o globo terráqueo de peto (1776); o octante (1775); o arpón baleeiro (1850); o compás náutico de finais do século XVIII ou o nocturlabio, do século XVII.

 

A arte contemporánea está presente na vila de Bueu da man de José Solla, autor de Inés-Palmira; de Manolo Pazo, autor do monumento a Johán Carballeira e de Ramón Vázquez Molezún, coa Casa de Roiba. A escultura Inés-Palmira foi inaugurada en 2015 coa presenza do propio artista, que doou os gravados ao Concello e que posteriormente foron trasladados a pedra pola Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra. Son dúas esculturas de cinco metros de longo e tres de alto, con máis de 500 gravados, que se situaron na praza Massó. En palabras de Solla, representan “un canto á vida, ao amor e á natureza”.

 

O monumento a Carballeira –poeta, xornalista e alcalde de Bueu de febreiro a xullo de 1936 que foi fusilado en 1937– mostra un gran libro tridimensional aberto esculpido en granito. Nunha das páxinas hai unha labra coa cara e a sinatura do homenaxeado e noutras dúas páxinas están gravados dous dos seus poemas.

 

O Estaleiro de Purro e o Museo Massó son mostras da importancia da influencia mariñeira da vila

 

A casa refuxio construída por Vázquez Molezún sobre a praia da Roiba está considerada como unha das obras máis relevantes da arquitectura moderna no Estado español. Así o testemuñan numerosos libros e publicacións que se fan eco do seu deseño e orixinalidade.

 

Tamén é salientábel a arte efémera das alfombras florais, cuxa festa foi declarada de interese turístico de Galiza. As alfombras florais contan con moita tradición en Bueu, pois comezaron a mediados do século XVII e acadaron o seu grande esplendor nos anos corenta e cincuenta do século pasado. En 2015 naceu a Asociación Cultural das Alfombras co fin de revitalizar esta tradición.

 

Patrimonio do rural

 

Se a trama urbana conta con tesouros patrimoniais, non fica atrás o rural, onde podemos atopar a capela dos Santos Reis, situada no Valado e deseñada por Urbano Lugrís, que a considerou a súa grande obra. Inaugurada en 1953, é a única de Europa, xunto coa catedral de Colonia, dedicada aos Magos de Oriente. Destacan as decoracións con motivos mariñeiros, moi característicos do estilo de Lugrís.

 

Outra das xoias de Bueu é a igrexa de Cela, un templo de estilo románico serodio, probabelmente construído na segunda metade do século XII que conta cunhas marabillosas vistas sobre a ría. Posúe un tímpano ornamentado con dous leóns que franquean unha figura encapuchada e tres cruces.

 

Froito da arquitectura popular, as beiras do río Bispo acubillan muíños. No do Canudo aínda se moe con motivo da Festa do Millo Corvo, declarada de interese turístico de Galiza. A muiñada é xa un acto tradicional no que se moe o millo corvo que servirá para elaborar produtos que se serven na fin de semana da festa. Esta iniciativa da Asociación Cultural Meiro naceu en 1998 para recuperar a variedade de millo.

 

Tamén é destacábel o entorno de Ermelo, cerne do Morrazo. A revaloración da zona da igrexa responde á recente recuperación da súa memoria. Esta antiga construción constitúe un dos vestixios que aínda se conservan do antigo mosteiro. En 1104, posibelmente despois dun ataque normando no que o templo foi destruído, foi restaurado por mediación do arcebispo compostelán Diego Xelmírez. A edificación actual é froito da nova restauración realizada en 1774.

 

Patrimonio natural

 

Como Bueu tamén é patrimonio paisaxístico, conta coa Aula da Natureza de Cabo Udra, un centro de interpretación natural que resalta os valores biolóxicos do espazo protexido de Cabo Udra e que promove e desenvolve programas e actividades de educación ambiental. O proxecto para a creación da aula nace a finais de 2003 froito dunha colaboración entre o Concello de Bueu e a Comunidade de Montes de Beluso. O Goberno local tamén impulsou o Centro de Interpretación de Agrelo no antigo matadoiro municipal do lugar. Trátase dun complemento da aula de Cabo Udra e vincúlase con todos os recursos naturais, económicos e culturais de Bueu.

 

Se falamos de natureza, non podemos obviar a Illa de Ons. Pola súa riqueza natural e paisaxística, forma parte do primeiro Parque Nacional de Galiza. As súas características sociais, históricas e etnográficas, a súa arquitectura popular mariñeira e a súa gastronomía fan de Ons a illa máis interesante do parque.

 

Unha prioridade do Goberno local

 

Félix Juncal, alcalde de Bueu, pon de manifesto que “desde o minuto cero houbo unha aposta deste Goberno polo patrimonio, non só o material, senón tamén no inmaterial”. Na actualidade, salienta, “estamos actuando na única carpintaría de ribeira que se conserva na ría de Pontevedra, estamos agora rematando a rehabilitación, paso previo á musealización”. “É unha satisfacción poder traballar para conservar esta riqueza, na que se resume en parte o que fomos e o que somos como vila mariñeira”, sinala, a respecto do Estaleiro de Purro.

 

O alcalde nacionalista afirma que o Goberno local ten clara a importancia do patrimonio e cualifica o Museo Massó como “un dos mellores dos que hai a nivel internacional relacionados co mar, o que é todo un luxo”. Entre as actuacións municipais que salienta en relación ao patrimonio cita a reconversión da antiga batería militar de cabo Udra en Aula Ambiental.