Bueu entrega uns premios Johán Carballeira con nome de muller

"Tratamos de ter sempre postos os lentes lilas e de tratar todos os temas con perspectiva de xénero, de maneira transversal”, asegurou a directora do semanario de Sermos Galiza, María Obelleiro, gañadora do premio de xornalismo xunto Montse Dopico. O galardón na categoría de poesía recaeu en María Reimóndez.​

O Concello de Bueu entregou este domingo os premios Johán Carballeira, cunha xornada con nome de muller. Unha palestra a cargo da editora e feminista Llerena Perozo abriu a entrega do premio na categoría de xornalismo, poñendo de manifesto o papel da muller nos medios de comunicación e a escasa presenza feminina en cargos directivos, onde só o 3% dos medios ten mulleres ocupando estes postos. Nese sentido, destacou o caso de Sermos Galiza como exemplo, tanto polo tratamento informativo como polo rol de María Obelleiro, directora do semanario e gañadora desta XIV edición xunto Montse Dopico

As xornalistas premiadas debateron con Llerena Perozo, ante unha ateigada Sala Domínguez Búa, sobre a realidade mediática e as mulleres dentro no sector. Obelleiro destacou o compromiso do Sermos Galiza por “tratar de ter sempre postos os lentes lilas e de enfocar todos os temas con perspectiva de xénero, de maneira transversal, co uso de linguaxe inclusiva, dando visibilidade ás mulleres en todas as seccións e poñendo o foco sempre na igualdade".

Fixeron entrega dos premios o alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira, Manuel A. Mosteiro, onde destacaron a calidade dos traballos da presente edición. Mosteiro recordou os motivos do xurado para a elección das reportaxes gañadoras.

Da reportaxe Galaxia vs Galaxia. A construción de hexemonía cultural, obra de Montse Dopico e publicada na revista Luzes, destacou a "utilización dos diálogos entre dúas persoas que ofrecen visións distintas sobre un feito histórico"; mentres que do traballo de María Obelleiro en O apartheid sanitario na Galiza, salientou que “dá voz ás persoas non teñen unha persoa nos medios e incidindo na diversidade coral, para a análise dun tema tan lacerante como o da discriminación da sanidade que sofren as persoas inmigrantes”.

Obelleiro quixo agradecer a valentía do Concello de Bueu por entregar estes premios cun acto centrado nas mulleres e na prensa, así como pola implicación da localidade en temas culturais e de memoria histórica, poñendo en valor figuras como a de Johán Carballeira “un dos bos e xenerosos”.

Unha xornada que rematou coa entrega do XX premio en categoría de Poesía que recaeu en María Reimóndez polo seu poemario Galicia en bus. Contou coa presenza dos poetas Dani Costas e Xosé María Álvarez Cáccamo, ademais de presentar o libro A elegancia do século de Pura Tejelo, anterior gañadora do certame. O cuarteto Staccato da Banda de Música Artística de Bueu puxo a música ao evento.