Bruxelas constata o risco de 'inverno demográfico' en Galiza

Rexistramos dos índices de fecundidade máis baixos da UE, advirten as estatísticas de Bruxelas: 1,07, cifra moi afastada dos mínimos que aseguran o reemprazo xeracional.

O Anuario Rexional editado por 'Eurostat', a oficina estatística da Unión Europea, outorga a Galiza unha triste de posición de privilexio na clasificación entre as rexións que teñen o índice de fecundidade máis baixos do continente. É dicir, entre aqueles territorios onde o número de fillos e fillas por muller ao longo da súa vida fértil é menor. Galiza forma tridente con Asturies e Canarias. E moi perto delas está Madeira (Portugal). Son catro rexións en serio risco do que se denomina 'inverno demográfico', conm baixas taxas de fecundidade e natalidade, e poboación aventellada.

En Galiza o índice de fecundidade é de 1,07, moi afastado do que organismos internacionais marcan como mínimo necesaripo para garantir o relevo xeracional, é dicir, a fecundidade necesaria para garantir a substitución dunha xeración por outra de igual tamaño. É o que se denomina a taxa de reemprazo xeracional e os expertos sitúana no 2,1. En Galiza estamos na metade.

En Galiza o índice de fecundidade é de 1,07, a metade do mínimo necesario para garantir a substitución dunha xeración por outra de igual tamaño.

En 2011 a nosa taxa de fecundidader era do 1,12 e tres anos despois é do 1.07. Seguimos empiorando mentres outras que estaban en niveis máis baixos ca nós melloran lixeiramente, como pasou con Cerdeña (Italia).

E isto após coñecer que en Galiza xa son máis os habitantes que teñen 85 ou máis anos que as crianzas menores de 5: 108.813 fronte a 104.813. O ano anterior, 2014, aínda gañaban os nenos: 108.093 por 103.516 habitantes de 85 ou máis idade. Se nos retrotraemos a hai unha década, 2005, os nenos menores de 5 anos eran 101.700, polos 71.000 galegos que superaban os 85.

As proxeccións a curto prazo feitas polo INE para Galiza indican que para o 2024 máis do 27% das e dos galegos teñan máis de 65 anos de idade. E tal e como indica o Instituto Galego de Estatística (IGE), o índice de envellecemento previsto para aquela é do 182%, o que significa que naquela altura por cada 100 menores de 20 anos que haxa en galiza haberá 182 maiores de 64.

Imaxe portada: Cuarto de los trastos de axel. Imaxe interior: Youtube