Bruxelas pide que se investigue se a seguranza ferroviaria española cumpre a legalidade europea

O comboio após o accidente

A Axencia Ferroviaria Europea ten que entregar un informe ao respecto antes do 26 de xaneiro. As vítimas do sinistro de Angrois consideran que o Estado español non avaliou correctamente os riscos e incumpriu a normativa europea en materia de seguranza.

Bruxelas solicita a Axencia Ferroviaria Europea que prepare un novo informe para comprobar que a seguranza ferroviaria no Estado español cumpre coa normativa comunitaria. Así o comunicou a comisión de peticións do Europarlamento á plataforma de vítimas do accidente do Alvia. Bruxelas quere conclusións e unha resposta antes de catro meses.

 

A Axencia Ferroviaria Europea, pois, terá que ditaminar se os trens que circulan actualmente pola rede ferroviaria española fano cumprindo coas medidas de seguranza establecidas en toda a Unión Europea ou non. Unha cuestión que formula a Comisión Europea mais que tamén levan tempo sinalándose desde os colectivos de  vítimas do accidente de tren de Angrois.

 

A Axencia Ferroviaria Europea concluía hai un ano que a investigación do accidente feita por Fomento non foi todo o imparcial que debería e a esa axencia o xuíz que instrúe o caso pediulle que analice se se tiveron en conta todos os riscos que había ou podía haber na curva de Angrois.

 

“Hai vontade política en Europa”

 

Para Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa, este paso demostra que o en Europa “hai vontade política” para atender as demandas das vítimas e que se esclareza todo en torno ao sinistro de Angrois. “Comisión Europea, Axencia Ferroviario Europea e Parlamento europeo están pedindo que se abra unha comisión de investigación”, indica en declaracións a Sermos Galiza.