Bruxelas comprométese a estudar as denuncias das vítimas do sinistro de Angrois

Unha delegación da 'Plataforma vítimas Alvia 04155' acudiu á Comisión e Parlamento europeo para facilitar máis información sobre irregularidades do tren. Unha visita que se producíu grazas ás xestións do BNG.

Responsábeis da Dirección xeral de transporte da Comisión europeo e da Axencia europea de seguridade ferroviaria comprometéronse a avaliar e estudar as denuncias das vítimas do sinistro do Alvia en Angrois, que custou a vida de 80 persoas. Un compromiso adquirido após unha xuntanza en Bruxelas entre responsábeis comunitarios e unha delegación da 'Plataforma vítimas Alvia 04155', reunión que se producíu no marco dunha xornada de traballo xestionada polo BNG. Ana Miranda, representante dos nacionalistas nas institucións comunitarias, estivo acompañando á delegación. Miranda anunciou que a Comisión Europea comprometeuse a continuar coa ronda traballo a primeiros do ano vindeiro, o 2016, co propósito de seguer a examinar todos os feitos”. Subliñou que se tratou dunha xunta “longa, de moitas horas, e onde predominaron as cuestións sobre unha das maiores catástrofes ferroviarias do estado español”.

Os representantes das vítimas expuxeron, entre outros ante Olivier Onidi, con atribucións no ámbito de seguridade de transportes, os argumentos das súas denuncias perante a Comisión de peticións. Desde a falla dunha avaliación de riscos na liña de alta velocidade Ourense-Santiago (financiada en parte con fondos europeos) até incumprimentos en materia se seguridade. O presidente da Plataforma, Jesús Domínguez, en declaracións perante os medios de comunicación, dixo sentirse “optimista” polo interese amosado polos responsábeis comunitarios.

No marco da visita, tamén se proxectou nun espazo da Eurocámara o documental 'Frankestein 04155', un traballo co que o propio director recoñeceu, nunha entrevista con Sermos Galiza, que "procuramos crear un debate na sociedade e que se depuren responsabilidades".

José Blanco: "Non tiña nin idea"

O ex-ministro de Fomento e eurodeputado socialista José Blanco mantivo unha reunión coa delegación desprazada a Bruxelas. Blanco afirmou que "non tiña nin idea" de que a liña de alta velocidade Ourense-Compostela carecía do sistema de seguridade ERTMS. O ex-ministro engadíu que se enterou "tres días despois" do sinistro desa carencia.