Análise

Brincadeira ou agresión?

Calquera que sexa o tipo e o grao de "brincadeira", esta sempre se fai desde unha posición de poder. (Foto: Álex Rozados)
A doutora en Medicina e feminista Lola Ferreiro Díaz prosegue co ciclo de análises de Nós Diario.

Levo tempo dándolle voltas ao tema desas agresións que se tentan disfrazar de brincadeiras... ou desas brincadeiras que en realidade son agresións; tamén observo que cando a persoa prexudicada se queixa ou protesta, quen a agrediu pretende facer pasar a persoa prexudicada por unha intolerante, sen sentido do humor nin capacidade para relacionarse coas demais. Non é raro que o agresor sexa apoiado por persoas do seu contorno, que afiuzan a teoría da brincadeira e da intolerancia da persoa prexudicada. En suma, o que comezou sendo unha agresión son agora tres: a "brincadeira" propiamente dita, a descualificación da persoa prexudicada e a etiqueta que lle colga a xente que apoia o agresor. Nin máis nin menos.

As "brincadeiras" son ás veces verbais, por exemplo, os chistes porque, que mellor brincadeira que un chiste, non si? O que pasa é que en moitas ocasións son machistas, ou misóxinos, ou racistas, ou homófobos, ou supremacistas en calquera outro senso, que os converte en agresións e expresións de violencia simbólica. De feito, o movemento feminista leva anos insistindo en que se deben desafiuzar socialmente. Outras veces son expresións que denigran, humillan ou feren de calquera outro xeito a unha persoa, transmitíndolle (sempre cun sorriso ou risa) que non entende as cousas, que é torpe, que non vale para isto ou para aquilo, sabendo que resultan ferintes... ou mesmo sen sabelo.

Outras veces as "brincadeiras" son accións violentas (ou moi violentas) ás que se lles tenta dar un sentido ambiguo. Darlle un susto a alguén, meterlle medo, retirarlle a cadeira cando se vai sentar, ou as chamadas novatadas, que adoitan ser moi lesivas, ata o punto de que se teñen dado casos de morte como consecuencia. Tamén as hai moi sofisticadas, como darlle a alguén unha "sorpresa" que implicou tomar unha decisión por ela, ou manter a incerteza sobre algún asunto, transmitindo que temos o dato que a resolve...

Se a acción non produce dano (físico), escoitamos: "Que esaxerada!". "Foi unha brincadeira". "Non é para tanto". "Non che pasou nada". Evidentemente sen ter en conta o dano emocional. Pero se hai dano, entón quen causou o mal entra nun estado de pesar tan grande, tan grande, que algunhas persoas da contorna poden mesmo deixar de acudirlle á lesionada para consolar o "lesionador".

En calquera caso, hai unha tendencia a "culpar" á persoa prexudicada, por ser susceptíbel de máis, por non ter sentido do humor, por responder de xeito (disque) desproporcionado. É perverso, pero sucede.

Calquera que sexa o tipo e o grao de "brincadeira", esta sempre se fai desde unha posición de poder (xa que logo sempre é patriarcal) e sen ter en conta o efecto que pode causar á/s persoa/s a que vai dirixida. É un comportamento violento promovido por unha actitude egocéntrica. 
Agora, asemade, chámaselle "tradición" á cousa, como sucedeu no caso de residentes do C. M. Elías Ahúja, que se dirixiron ás residentes do C. M. Santa Mónica así: "¡Zorras! Salid de vuestras madrigueras como conejas. Sois unas putas ninfómanas. Os prometo que vais a follar todas en la capea. ¡Vamos, Ahúja!". Todo isto (seica) é unha tradición, pero piden desculpas polos berros machistas e comprométense a "cambiar" as súas condutas... En serio? Se é unha tradición, por que piden desculpas? Se a consideran machista, por que (e nomeadamente para que) o fan? E, alén disto, unha conduta non se pode cambiar se non se cambian o resto dos elementos da actitude que a sostén. Como moito pódese evitar repetir un comportamento igual en idénticas circunstancias ou practicar un condicionamento estilo pavloviano.

Afortunadamente a presión do Movemento Feminista fixo que fora medrando a intolerancia social ante este tipo de expresións de violencia e, o que hai trinta anos igual tería pasado sen máis, hoxe é rexeitado pola maioría, e as autoridades teñen que sancionar os responsábeis (expulsión, expediente, investigación da Fiscalía). Coido que de aí ven o pesar dos agresores... e o afiuzamento destes por algunhas das agredidas! "[Fixérono] sen intención de realizar un discurso misóxino nin moito menos denigrarnos como mulleres". Que ben traída a máxima da Simone de Beauvoir sobre que o opresor non sería tan forte se non tivese cómplices entre os oprimidos.

Para rematar, desde o meu punto de vista, unha brincadeira ten que facerlle a mesma graza a quen a recibe que a quen a fai; o resto é violencia, porque un sorriso ou unha risa non converte en brincadeira unha agresión.