Briga organiza a XII Xornada de rebelión xuvenil

No festival da organización independentista actuarán os cataláns KOP. 

O 24 de xullo, véspera do Día da Patria, a organización independentista Briga convoca a XII Xornada de rebelión xuvenil. Será a partir das 23 horas no Parque de Belvís (Compostela), após a manifestación xuvenil que percorrerá as rúas da capital da Galiza desde a Alameda (20h.)

No cartaz, salientan como cabeza de cartel os cataláns KOP que veñen de lanzar o seu último traballo, Radikal, a comezos de 2016. Aliás, contarán coas bandas galegas NAO, Keltoi! e Trapallada

Nesta edición, subliñan, a xornada visa "reivindicar que a Galiza somos as traballadoras en precario, as desempregadas, as mozas obrigadas a emigrar e que día a día construímos o camiño da rebelión xuvenil".

Porén, afirman, fronte aos "discursos da derrota" e do acollemento a "vía institucional como o principal ou único espazo de traballo político" que, din, asumen "as forzas da esquerda soberanista", desde Briga apelan a ficar "coa Galiza dos centros sociais, do deporte mixto de base, das escolas infantís que paseniño van avanzando, do estudantado que se une para crear ferramentas ao servizo do ensino galego e popular, da mocidade rebelde que paga o seu compromiso con persecución, criminalización e a propria cadea. Ficamos coa Galiza máis conscientemente escondida e censurada, a que crea e constrúe, a que timidamente, lonxe do foco mediático e do xogo electoral, se vai abrindo paso".