Bouzas abandonada

Fronte á  “cidade fermosa” e a imaxe de éxito que intenta proxectar o alcalde de Vigo, Abel Caballero, xorden novos movementos veciñais que denuncian o abandono que padecen os barrios da cidade máis poboada da Galiza. Bouzas abandonada é un deles. Un grupo de veciñas loita contra “a desatención e a tiranía” das Administracións públicas.

Bouzas, barrio mariñeiro vigués con máis de 500 anos de historia, concello independente até 1904 e agora está abandonado polos poderes políticos, denuncia a veciñanza. No verán de 2019, varias mulleres que saen cada mañá a camiñar á beira do mar fartáronse de ver o paseo Valentín Paz Andrade pechado e “nun estado lamentábel”. A súa indignación canalizouse nunha acción reivindicativa que se converteu no sinal de identidade deste movemento veciñal: a colocación de carteis no valado do paseo denunciando o desleixo das Administracións públicas, desde o Concello de Vigo até a Autoridade Portuaria. “Estamos en contra da desatención e da tiranía, de que fagan todo eles sen contar coa xente”, aseguran varias impulsoras da protesta nunha conversa con Nós Diario.

O movemento foi medrando de maneira espontánea. Ao núcleo inicial uníronse máis cidadás para achegar outras problemáticas polas que loitar. En novembro do ano pasado crearon a campaña “Bouzas abandonada”, sumando á demanda do arranxo do paseo outras necesidades como a defensa do patrimonio cultural, histórico, industrial e medioambiental do barrio e a creación de “puntos negros”: edificios, rúas e outros elementos urbanísticos esquecidos pola Administración. Seis meses despois, a loita continúa.

Máis de 500 días sen paseo

En xullo do ano pasado as veciñas presentaron un manifesto no Concello con case 100 sinaturas para reclamar o arranxo do paseo, pechado polo Goberno local en 2018 alegando motivos de seguridade. Aínda non recibiron resposta. O BNG de Vigo asegura que o Goberno de Abel Caballero segue sen tramitar o expediente de cesión da titularidade do espazo, imprescindíbel para iniciar calquera proxecto. Actualmente, o paseo forma parte do dominio da Dirección Xeral de Costas. O portavoz nacionalista municipal, Xabier P. Igrexas, explica a Nós Diario que o concello iniciou a solicitude da cesión en xaneiro do ano pasado. Ao mes seguinte, en febreiro de 2019, Costas reclama ao consistorio unha documentación para tramitar o expediente de cesión que, segundo lle consta ao Bloque, aínda non se enviou.

Así e todo, o 30 de xaneiro a xunta de goberno local aprobaba o proxecto básico para a rexeneración do paseo. Segundo o Concello, as obras rematarían a finais de 2021. Para as veciñas os prazos de execución son unha “burla” e cren que se trata doutro “globo sonda publicitario” do alcalde na prensa local. Ademais, desde a plataforma din descoñecer o proxecto porque “non está a exposición pública” e esixen participar na súa elaboración. Piden un paseo como o actual que, aseguran, podería seguir aberto se non fose pola falta de mantemento, e rexeitan “proxectos faraónicos” pensados para o turismo e os selfies.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.