Este sábado, apresentación nun acto en Compostela

Bota a andar a plataforma Vía Galega

Imaxe tomada durante o acto de constitución da plataforma

A plataforma social en defensa dos direitos nacionais de Galiza Vía Galega xa é unha realidade. Este sábado apreséntase en Compostela. No seu sitio web hai un enlace para quen desexe asinar o seu manifesto.

Por volta de 50 entidades do ámbito do soberanismo -asociacións culturais, fundacións, sindicais, agrarias, ambientalistas, da memoria histórica...- constitúen a plataforma Vía Galega, un foro de encontro do tecido social do país en chave nacional. O denominador común de todas estas agrupacións é a consideración de Galiza como nación e a defensa do seu dereito á libre determinación. Chega con asumir eses principios básicos para integrar a plataforma. Non é de adscrición individual, mais as persoas si están convocadas a asinar o seu manifesto sob a lenda xenérica de "Somos unha nación. Temos dereitos, fagamos ouvir a nosa voz”.

 

A apresentación de Vía Galega terá lugar este sábado ás 11.30 horas en Compostela, no centro socio-cultural de Fontiñas (rúa de Berlín, 13). A plataforma constituíse formalmente o pasado 20 de xaneiro e na súa reunión fundacional, entre outros acordos, resolveu preparar a redacción dunha "carta de dereitos do pobo galego" que se dará a coñecer en novembro deste ano, a coincidir co centenario da Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918.

 

Vía Galega xa existe na rede e é unha plataforma permanentemente aberta á incorporación de novos colectivos. VG non vén suplantar nengunha das organizacións que a integran -esclarece Suso Seixo, en calidade de portavoz-, mais a nova entidade si responderá con accións propias face calquera hipotética agresión "aos nosos dereitos como país".