Unha borrasca pon en alerta por forte vento ao litoral este domingo

Unha fronte irá achegándose á Galiza e afectará todo o país.
Nesta xornada o vento no mar porá en aviso laranxa as zonas da Costa da More e das Rías Baixas

A presenza dunha borrasca ao noroeste da Galiza deixará forte vento no mar este domingo, con intervalos de forza 8 entre A Guarda e Sisargas. En terra espéranse refachos superiores aos 80 quilómetros por hora en zonas alta e no litoral.

De feito, Meteogalicia publicou na súa páxina web un boletín de avisos que sitúa en alerta, en maior ou menor grao, a toda a costa do país por forte vento ao longo do domingo.

En concreto, entre as 15 e as 18 horas deste domingo, practicamente todo o litoral galego estará en aviso amarelo por refachos de vento superiores aos 80 quilómetros por hora.

Ademais, nesta mesma xornada o vento no mar porá en aviso laranxa as zonas da Costa dá More -entre as 12 e as 21 horas- e das Rías Baixas -entre as 15 e as 18 horas. 

 

 

Fronte

A predición meteorolóxica do instituto galego reflicte que unha fronte se irá achegando á Galiza durante este día e que afectará xa a toda o país nas últimas horas da xornada.

Con esta situación, espéranse ceos con abundantes nubes no oeste, e con apertura de claros ocasionais no resto. As choivas empezarán xa pola mañá nas Rías Altas e iranse estendendo ao resto do territorio galego pola tarde, alcanzando forte intensidade durante a noite.

As temperaturas non experimentatán cambios significativos e os ventos soprarán de compoñente sur, moderados pola mañá e aumentando a forte no litoral e zonas altas a partir do mediodía.