A borrasca Karine deixa máis de 260 incidencias

Temporal, imaxe de arquivo.
O vento deixou refachos de intensidade máxima entre este domingo e a mañá desta segunda feira co paso da borrasca Karine de 150 quilómetros por hora en Cervantes e de 143,6 km/h en Manzaneda.

A borrasca Karine deixou máis de 260 incidencias ao seu paso pola Galiza. Así, nas últimas doce horas, o 112 Galiza xestionou maioritariamente intervencións relacionadas coa caída de árbores e o desprazamento de obxectos ás vías.

Segundo informou o 112, o efecto do vento "está a causar problemas nas estradas debido á caída de vexetación, restos de pedras e terra e partes do mobiliario urbano que poden sorprender aos condutores".

O maior número de incidentes rexistrados no 112 ten que ver con árbores e pólas, debido ao que se atenderon 170 chamadas motivadas por esta situación e para o que se necesitou a intervención dos distintos equipos de salvamento, así como de limpeza e mantemento de estradas.

Así mesmo, o 112 destaca os incidentes ocasionados por obxectos e mobiliario urbano desprazados ás vías, que sumaron máis dunha trintena de intervencións dos servizos de emerxencias; e inundacións puntuais en vivendas, baixos e garaxes sen que se rexistrasen feridos.

O vento deixou refachos de intensidade máxima entre este domingo e a mañá desta segunda feira co paso da borrasca Karine de 150 quilómetros por hora en Cervantes e de 143,6 km/h en Manzaneda.

O 112 fixo fincapé tamén na actividade dos efectivos de emerxencias que, nunha ducia de casos, "permitiu reducir o nivel de risco ante estruturas e elementos inestábeis, como poden ser xanelas, persianas, cables, postes, etc".

Deste xeito, desde as 20,00 horas deste domingo e até as 8,00 horas desta segunda feira, o 112 Galicia contabilizou 266 incidentes, dos cales 170 estiveron motivados pola caída de árbores e máis de 30 por obxectos que se desprazaron ás vías.

En menor medida, producíronse inundacións en rúas, vivendas, baixos e garaxes (sete intervencións), sen que esta situación provocase dano algún ás persoas, concretaron as mesmas fontes.

En xeral todo o país sentiu os efectos de Karine, aínda que 112 destaca o número de intervencións rexistradas en Vigo, Ponteareas, Moaña ou Salceda de Caselas; Ramirás ou San Cibrao; Lugo capital ou Portomarín,; e Betanzos, Brión, Teo ou Santiago.