Os bombeiros forestais denuncian defectos nos seus traxes de traballo

Traxe dun bombeiro queimado este mesmo mes. (Foto: Nós Diario)
Bombeiros forestais galegos denuncian sufrir queimaduras malia levaren postos os traxes ignífugos (EPIs). Primeiro apuntouse á posibilidade de que fose por culpa das camisolas interiores, mais tamén se apuntou á concentración de radiación calorífica dentro do traxe como causa das feridas nas extremidades dos bombeiros. 

A comezos de xullo rexistráronse unha serie de incidentes relacionados cos traxes de protección que vestían algúns bombeiros forestais do país. Os afectados sufriron queimaduras nos brazos e pernas a pesar de levaren correctamente colocados todos os elementos que compoñen os seus EPIs. Algunhas fontes sindicais apuntaron ás camisolas que visten por baixo da chaqueta, algo en principio difícil, pois as chaquetas son ignífugas, o mesmo que os pantalóns e tamén as camisolas.

As mesmas fontes sindicais, próximas a UXT, sinalan que logo destes sucesos houbo unha serie de estudos comparativos realizados por unha empresa externa. Os resultados, en principio, apuntaban que a chaqueta e o pantalón cumprían cos requirimentos da licitación, mais non as camisolas.

Todo isto sucedía logo de que este mesmo ano se entregasen os novos traxes e fundas ignífugas para os profesionais contra incendios. Algo fallaba e era necesario saber o que.

Os EPIs e os posíbeis defectos

O Plan de defensa contra incendios forestais da Galiza (Pladiga) declara que os EPIs poden ser de extinción -e, por tanto, ignífugos- e de prevención. Os primeiros constan de dúas pezas principais: chaqueta e pantalón con bandas reflectantes. Ademais, súmanse un casco, botas, luvas e equipos de respiración autónoma; e recentemente incorporáronse tamén camisolas ignífugas. Todo este material serve para que a vida do bombeiro non sufra perigo nin haxa risco para a súa saúde.

Os EPIs divídense en tres categorías: 1, 2 e 3, sendo a última a de maior protección. A última licitación da Xunta pedía que as roupas destinadas ás brigadas contra incendios estivesen dentro da categoría 3. A nova remesa de traxes cumpría coas especificacións exixidas por Medio Rural. A sorpresa saltou cando algúns dos profesionais resultaron queimados durante algunhas queimas controladas e durante os primeiros lumes de xullo. Os casos déronse en áreas de Ourense, Pontevedra e Verín, tendo por resultado queimaduras nas extremidades.

Desde o Comité de Seguridade e Saúde Laboral do Persoal de extinción de incendios de Medio Rural, representantes de CCOO sinalan que os traxes de protección non resultaron defectuosos, nin sequera as camisolas. A causa, segundo se lle transmitiu ao citado organismo, foron as bandas reflectantes colocadas en chaquetas e pantalóns.

A radiación que emite o lume -a calor- vaise acumulando dentro do EPI, e dita radiación debe saír do interior desta roupa pesada e grosa aproveitando os puntos máis febles ou delgados do traxe. Neste caso, os lugares onde se sitúan as bandas reflectantes de brazos e pernas foron as saídas para a radiación acumulada. Isto é así porque nese punto é onde se concentra a maior parte da calor que quere saír. Canta máis calor se concentra nun punto, a temperatura mais sobe e o risco de queimadura é tamén máis grande. Esta foi a conclusión á que chegou o Comité de Seguridade, que tamén destaca que os actuais traxes foron deseñados cunha tea reforzada con fibras máis resistentes.

O prezo da seguridade

A empresa adxudicataria dos EPIs usados en extinción é Confecciones Oroel SA, segundo confirman as fontes de CCOO. Situada no polígono industrial Centrovía, en Zaragoza (Aragón), é unha compañía especializada en roupa de traballo, e entre os seus clientes están a Policía Nacional, Repsol, Naturgy ou Tragsa, ademais da propia Xunta da Galiza.

Confecciones Oroel entrou na licitación de Medio Rural “CMR-2025-0006: 2º contrato baseado do lote 2: Chaqueta e pantalón (Prenda 1) e cubrecalugas (prenda 2) do Acordo Marco cun único empresario, de retardante a longo prazo, chaqueta, pantalón e cubrecalugas ignífugos (EPI), soprador portátil de batería e bulsas de transporte de equipos individuais para o persoal dos Servizos de Prevención de Incendios Forestais da Dirección Xeral de Defensa do Monte durante os anos 2024, 2025 e 2026”. Finalmente a adxudicación foi adiante por un valor de 803.644,49 euros o 27 de decembro de 2024.

Este xornal contactou con Confecciones Oroel para lle solicitar unha valoración sobre o ocorrido, mais desde a empresa declinaron realizar declaracións aludindo que o técnico especializado estaría “todo o día reunido”. Queda por saber se esta mesma firma foi a que realizou o estudo comparativo para descubrir cales foron as causas das queimaduras.

Ante todo isto, preguntouse á Consellaría do Medio Rural pola idoneidade dos EPIs usados durante a presente campaña contraincendios, mais non se obtivera resposta ao feche desta edición. Preguntouse tamén pola petición de novas camisolas ignífugas, cuxa adxudicación foi publicada o 21 de xullo deste ano. A empresa adxudicataria é Global Imagen Textil SL, e o valor da operación é de 48.799,30 euros mediante o procedemento aberto simplificado abreviado.

Seguimento: Advirten da ausencia de políticas de prevención

Durante a elaboración desta reportaxe tamén apareceron outras eivas relacionadas coa integridade dos bombeiros forestais. As mesmas fontes sindicais e dos comités de seguridade laboral apuntaron a unha serie de puntos que afectan moi directamente ao traballo seguro dos bombeiros. As fontes do Comité de Seguridade e Saúde Laboral precisaron que tamén existe un subcomité concreto para os EPIs e a súa análise. Porén, este subcomité leva dous anos sen reunirse, dous anos sen analizar as prendas que chegan propostas para a actividade contraincendios. A isto tamén se lle suman dous anos sen revisión de normas relacionadas coa uniformidade dos bombeiros forestais.

Por outra parte, desde a CIG apuntan á “incongruencia” da Xunta da Galiza  por ter un dispositivo con 3.000 persoas para combater o lume e ao mesmo tempo que ese equipo careza dun sistema propio e especializado para a prevención de riscos laborais. É moi necesario, apuntan desde a CIG, materializar este sistema de prevención para os bombeiros, un sistema acaído para as tarefas propias dos equipos de extinción.

Este organigrama de riscos laborais debería, polo menos, contar coa presenza dun delegado por provincia e un a nivel nacional.