Bombeiros forestais cifran en 300 as prazas sen cubrir

Unha brigada de loita contra o lume en Baleira, nos Ancares, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O Consello da Xunta prevé aprobar esta quinta feira o Pladiga 2022, o Plan de loita contra o lume forestal para este ano. Un documento que terá luz verde a apenas un mes do inicio da tempada de alto risco de incendios e cun escenario de persoal "deficitario", segundo colectivos como os bombeiros forestais, que apuntan a que hai por volta de 300 prazas sen cubrir neste colectivo.

O Pladiga que se vai aprobar esta quinta feira márcase como obxectivo para este ano que na Galiza ardan menos de 16.000 hectáreas, unha cifra que, en todo caso, case multiplica por catro a superficie queimada en 2021, 4.400 ha. A Consellaría de Medio Rural márcase como obxectivo que haxa menos de 411 incendios, que o tempo de reacción ante un lume non supere os 21 minutos e que o tempo medio en extinguilos non supere as 4 horas e 17 minutos.

Para David López, da Asociación profesional de bombeiros forestais da Galiza (Apropiga), o Pladiga "non é realista". E non o é, explica a Nós Diario, porque adoece dos medios humanos, do persoal necesario, para que haxa unha "planificación efectiva".

Así, apunta, a día de hoxe en Lugo no corpo de bombeiros forestais, a primeira liña de combate contra os incendios, pode haber "por volta de 40 prazas sen cubrir". Unha cifra que el mesmo extrapola a nivel da Galiza a unhas 300 prazas nesa mesma situación, quer por baixas, quer por xubilacións non cubertas, traslados... "Isto afecta a operativos, a estratexias e planificacións, hai brigadas moi reducidas de persoal, que están coxas", denuncia. E nun mes arranca a tempada alta de incendios, lembra.

Noutra orde de cousas, e referido ao persoal, no propio documento que vai ao Consello da Xunta indícase en canto a efectivos que se manteñen os traballadores de medios propios da Xunta —uns 3.000— mais que hai un descenso no total dos achegados por outras entidades e Administracións, que descende de 2.433 até 2.149.

Prevención

O Pladiga fomenta a extinción fronte ás necesarias políticas de prevención. Esta é outra das críticas que se fai desde Apropiga e que é partillada desde outros sectores, como os colectivos ambientalistas.

Na necesidade da prevención tamén fai fincapé en conversa con este diario José M. Couselo, axente ambiental. Para el, no combate contra os incendios, o elemento fulcral —ademais da prevención e a concienciación—é o labor de investigación. "Isto é unha ferramenta fundamental, se nunha zona tes unha alta actividade incendiaria, hai que saber os por ques, as causas, e a partir de aí, actuar".

Reforzos

O plan de loita contra o lume inclúe novidades como o aumento até ter 148 videocámaras -seis máis que en 2021- e a compra de novos drons. Outro obxectivo é o de non superar as oito situacións de tipo 2 -aquelas que pon en risco casas- declaradas (en 2021 foron tres). A Galiza conta con 35 parroquias cualificados de alto risco de incendio en 2022 -en máis dunha vintena de concellos-.

Estas parroquias son as que acumulan unha media anual de sete lumes ou máis no último lustro, do mesmo xeito que as que sufrisen dous incendios ou máis superiores ás 200 hectáreas nos últimos 10 anos.