Os bombeiros de Ferrol deixan de prestar servizo noutros seis concellos da comarca

Emblema dos Bombeiros de Ferrol. (Foto: Nós Diario)

O acordo co Consorcio Provincial da Coruña finalizou xa o pasado 31 de decembro

O presidente da xunta de persoal do Concello de Ferrol, Javier Sandá (CSIF), avanzou que os bombeiros da cidade "deixarán de prestar servizos de emerxencias" nas localidades de Ares, Mugardos, Fene, Neda, Valdoviño e Cedeira (Ferrolterra) desde esta quinta feira, 28 de marzo.

Así o decidiron por gran maioría nunha asemblea, dado que o pasado 31 de decembro caducou o convenio co Consorcio Provincial da Coruña, do que forman parte o Concello de Ferrol, a Deputación e a Xunta da Galiza, para a prestación do servizo contraincendios e salvamento.

Nunha rolda de prensa ofrecida na mañá desta cuarta feira na entrada do Concello, onde estiveron presentes bombeiros e integrantes da xunta de persoal e comité de empresa, Sandá detallou que un informe de Intervención municipal asegurou que os traballos realizados por este servizo "fóra do termo municipal de Ferrol, desde o 1 de xaneiro até o día de hoxe, non se poden retribuír".

Por tanto, avanzou que os bombeiros, reunidos en asemblea, decidiron por un 93% deixar de prestar estes servizos fóra do municipio. Tomaron esta decisión ao estimar que estes profesionais non se atopan amparados dunha maneira legal noutros concellos, ao estar vencido dito convenio e non ter unha cobertura legal.

Continúa a negociación

A preguntas dos medios de comunicación, Sandá explicou que descoñecen o motivo polo que aínda non se renovou este convenio: "O Goberno dinos que están a negociar, que hai avances, pero o que son feitos non hai ningún".

De feito, asegurou que esta situación xa repercutiu nos propios traballadores, "porque había un compromiso de que se seguise prestando ese servizo, que se ía retribuír, eles cumpriron pola súa banda, pero a outra non".

O convenio entrou en vigor no ano 2014 e tiña unha vixencia de dez anos completos, polo que expirou o 31 de decembro de 2023. Así, presentaron no rexistro do Concello un documento no que se convida o Goberno municipal, formado polo PP, a que se comunique ao 112 que non comisione os bombeiros para atender servizos neses seis municipios por non existir convenio.