Equipos "deficientes", un camión ao que lle "entra auga" e unha bomba que "perde": as denuncias dos bombeiros do Carballiño

Camión do servizo municipal de emerxencias do Carballiño. (Foto: Europa Press)
O persoal de emerxencias afirma que o vehículo desprazado a un incendio nun templo budista en San Amaro "carece do debido mantemento" e nel entra auga dentro da cabina, o que supón "un perigo" que deixaría o vehículo inutilizado se chegase a afectar os sistemas eléctricos.

Os traballadores do servizo municipal de emerxencias do Carballiño denuncian esta cuarta feira que tiveron que reforzar os labores de apagado dun incendio declarado nun templo budista en San Amaro, na mesma comarca, con equipos "deficientes". Así, alertan sobre a "inseguridade" que sofren os traballadores, que acudiron ao incendio cun vehículo tipo 'nodriza' de 8.000 litros de auga "con numerosas deficiencias, como o resto do parque móbil".

Segundo trasladou o portavoz do servizo carballiñés, Jonathan Domínguez, a petición foi feita polos bombeiros do Consorcio provincial de Ourense, que necesitaron a axuda de dous bombeiros do Carballiño para poder abastecerse de auga, pois as chamas propagáronse con rapidez debido ao material da construción.

Os traballadores, que semanas atrás denunciaran as "carencias" do servizo e a "pasividade" do Goberno municipal, lembraron a través do seu portavoz que aínda non teñen constancia de que se convocase unha mesa de negociación. "Nin sequera se produciron conversas, nin avances, nin se liquidaron as deficiencias; seguimos igual", declarou Domínguez.

Falta de mantemento

O persoal de emerxencias afirma que o vehículo desprazado "carece do debido mantemento" e nel entra auga dentro da cabina, o que supón "un perigo" que deixaría o vehículo inutilizado se chegase a afectar os sistemas eléctricos. O camión conta, aliás, con dous equipos de respiración retirados o pasado ano por estaren obsoletos e constituíren un risco para a saúde dos bombeiros.

A maiores, "a bomba de auga perde e non funciona correctamente", e o nivel do tanque tampouco funciona, o que fai imposíbel coñecer a cantidade de auga restante e "pon en risco a vida dos bombeiros, pois ao descoñeceren a cantidade de auga nunha intervención, non se pode facer unha xestión da mesma, o que podería desencadear nunha situación perigosa no interior dun incendio", en palabras do portavoz do servizo de emerxencias.

Estas "deficiencias" súmanse ás xa denunciadas sobre traxes, cascos de intervención e outros materiais caducados e rotos. Jonathan Domínguez tamén advirte que neste período no que os bombeiros do Consorcio estiveron no dispositivo do templo budista, O Carballiño quedou só co seu servizo municipal operativo —do que se reclamaron dous efectivos—, polo que avisan da "imperante necesidade de seren equipados" debidamente e a necesidade de "permanencia".