Bombeiros denuncian a instalación "ilegal" de videovixilancia en parques

Parque de bombeiros de Chantada (Foto: Google Maps).
Consideran a medida unha "ferramenta de presión" ao colectivo en folga.

O comité de folga dos bombeiros comarcais denunciou que esta semana empezaron, "sen previo aviso", os traballos de instalación de sistemas de videovixilancia nos parques dependentes dos consorcios provinciais de extinción de incendios e salvamento.

Os bombeiros que levan en folga desde xuño para reclamar diferentes melloras, como incrementos retributivos e de persoal, consideran que esta medida de "implantación xeneralizada" é unha "ferramenta de presión" da Xunta da Galiza e das deputacións no proceso de negociación no que están inmersos. "Non sabemos se buscan brindar seguridade ou supervisar os procesos de produtividade, pero están a montar equipos que non cumpren cos preceptos que estabelece a lexislación, xa que as cámaras que se instalen non deben rexistrar audio, e todas elas dispoñen de micrófonos, avanzados sistemas de procesado e compresión de arquivos de son", manifestou José Luis Pareja, membro do Comité de Folga que a pasada terza feira observou como un técnico iniciaba os traballos de instalación no parque de bombeiros de Ordes (na comarca homónima).

Así mesmo, o presidente do Comité de Folga, Ángel Moldes, criticou que para observar a realidade do seu traballo sería "máis adecuado" instalar as cámaras nos vehículos e nos cascos dos bombeiros para recoller as "grandes carencias" de persoal no sector.

600 feches

Desde que os bombeiros comarcais iniciaron a folga hai máis de seis meses, foron arredor de 600 os peches que tiveron lugar nalgún dos 24 parques nos que operan os 430 traballadores contra incendios.