Bombeiros da comarca da Coruña anuncian unha folga indefinida a partir do 22 de Xullo

bombeiros corunha

A empresa Veicar, concesionaria do servizo, pretende baixar ao mínimo o soldo do persoal que sufra un accidente laboral e ampliar as quendas aproveitando a implantación dun convenio mínimo provocada pola reforma laboral. 200 bombeir@s manifestáronse en Bergondo.  

 

 

Vítimas de dúas consecuencias das políticas neoliberais. Por unha parte, da aposta nas privatizacións baixo fórmula de subcontrata, que polo visto nin mellora o servizo nin as condicións d@s operari@s. E pola outra da reforma laboral, que non só recortou dereitos senón que deixou esta semana sen convenio a milleiros de persoas, unhas 40.000 en Galiza. Entre elas están @s bombeir@s da comarca da Coruña, que nun número de arredor de 200 se manifestaron en Bergondo contra as intencións da súa empresa, Veicar, que se opón a negociar un novo convenio. As centrais sindicais acúsana de aproveitar a situación para empeorar gravemente as condicións de traballo.

O persoal asegura que ao vérense obrigad@s a ser incluídos dentro dun convenio mínimo tipo por culpa da reforma laboral, “recórtanse dereitos e modifícanse horarios, coa perda de seguridade nun servizo vital para toda a área e que de non poder prestarse nas condicións axeitadas podería crear graves riscos”.

Os traballadores teñen previsto presentar demandas, realizar manifestacións e peches e xa convocaron unha folga indefinida a partir do 22 de xullo en caso de que a esa altura aínda non se alcanzase un acordo coa empresa, que namentres acusa ao Comité de “crear tensións” e mesmo realizar sabotaxes nos Parques, algo que os sindicatos negan.

@s bombeir@s denuncian que a empresa pretende ampliar as quendas tanto en horas como en días e que tamén pensa reducir ao mínimo o soldo nas baixas que se produzan por un accidente laboral. “Se un traballador sofre un accidente grave apagando un incendio pasaría a cobrar uns 800 euros”, indican fontes do persoal.

A concesión dos parques de bombeir@s da comarca da Coruña á empresa Veicar foi responsabilidade da Xunta e da Deputación provincial. Esta última, por boca do seu presidente Diego Calvo, asegura que se trata dun conflito laboral e descarta actuar como intermediario.