"As últimas motobombas que mercou a Xunta son unha trampa mortal": Bombeiros alertan de baixas aínda sen cubrir e vehículos con avarías

Bombeiros xunto a unha motobomba 'velutina' traballando a semana pasada nun incendio en Verín (comarca homónima). (Foto: Bombeiros Forestais da Galiza)
“Todo o que conte ten que ser anónimo”. Así exemplifican a Nós Diario bombeiros forestais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios (SPIF) a “situación tensa” que están a vivir cos mandos nos distritos forestais do país (19 en toda Galiza).

Bombeiros forestais aseguran que as denuncias que realizaron nos medios de comunicación sobre as deficiencias nos servizos de prevención e de extinción de incendios están a provocar “unha caza de bruxas” contra persoal do SPIF que contacta coa prensa. Denuncian a existencia de baixas sen cubrir, motobombas con avarías e falta de coordinación.

“Podo contar experiencias persoais e de compañeiros pero non poden aparecer os seus nomes nin referencias porque están moi finos, tiran moito do fío para atopar quen fala coa prensa”, relata a Nós Diario un destes membros do dispositivo, que pide gardar o anonimato. “Teñen formas de que botarche das listas de contratación”.

Aseguran que nos últimos días hai malestar pola información do funcionamento do servizo, “á Xunta non lle gusta que se fagan vídeos, que se filtre información das cousas de dentro, non lles gusta nada”, asegura un bombeiro do interior de Pontevedra. Outro do Morrazo explica que “falamos por rabia e impotencia” e di que “fallou o dispositivo e se non toman cartas no asunto nos poñen en perigo a nós, a cidadanía e o patrimonio”.

Baixas sen cubrir

Critican que non se están a cubrir todas as baixas. “Hai distritos con 40% do persoal de baixa”, asegura un bombeiro e tamén un comunicado antonte de CCOO, CSIF e UXT denuncia “a situación crítica” do SPIF pola “neglixente xestión” da Secretaría Xeral Técnica de Medio Rural”. Os sindicatos din que “hai arredor de 200 postos sen cubrir”, unha preocupante cifra coa que a Xunta da Galiza xa comezara a tempada de alto risco de incendios deste verán, no que arderon, só no mes de agosto, perto de 100.000 hectáreas –unhas 160.000 segundo o satélite Copernicus–, máis que durante todo o ano 2006. Os traballadores relatan situacións como “un camión, catro bombeiros e un axente para defender catro aldeas do lume”, ou outro caso en que “pasei seis horas só nun incendio agardando por unha brigada que nunca chegou”. As deficiencias do SPIF tamén afectan as bases das brigadas, “algunhas dan vergoña, son contedores”.

Velutinas: as motobombas con fallos nos freos

Un dos condutores de motobomba do SPIF relata a Nós Diario que “as últimas motobombas que mercou a Xunta son unha trampa mortal”. Entre os bombeiros chámanas “velutinas” pola súa cor amarela. “Fallan os freos”, explica. Os técnicos de Urovesa –o fabricante– “foron tres veces amañalas, pero seguen fallando”, lamenta. O bombeiro que o pasado 12 de agosto partiu unha perna nun incendio en Maceda conducía un destes vehículos, os compañeiros condutores atribúen o sinistro a que “rebentou o freo de man”.

Ademais dos fallos nos freos “tamén perden auga” e rexistran máis avarías. Nós Diario contactou cun condutor dunha “velutina” e asegura que “dan moitos problemas e avarías, eu xa as comunico directamente a Urovesa en Compostela, teñen sete anos de garantía pero non fan nin caso”, di. “Non se fan cargo das avarías nin revisións, eu saio con ela porque andamos escasos de motobombas, é moi bo vehículo pero dá moitos fallos”. Este xornal púxose en contacto coa Consellaría do Medio Rural para preguntar por estas eivas das que alertan profesionais do servizo de extinción, mais ao feche desta edición aínda non houbera resposta.

Bombeiros critican a "mala coordinación" coa UME

Dous bombeiros forestais de Valdeorras e dous condutores de motobombas do interior de Pontevedra e O Morrazo cualifican como “mala” a coordinación dos traballos de extinción destas semanas coa Unidade Militar de Emerxencias (UME). Sobre o terreo, aseguran a este xornal que o traballo da unidade militar é “pura propaganda e, se miras as imaxes nos medios, parece que actúan eles sós”. O feito de que na prensa sexan maioría as imaxes da UME ten unha explicación, relatan a Nós Diario os bombeiros: A UME leva “un equipo de información que lle fai fotografías e vídeos”.

Critican que non hai coordinación coa UME porque “non participan nas nosas comunicacións, nós temos unha emisora Tetra que compartimos cos bombeiros provinciais, equipos dos Concellos e Protección Civil, mais a UME non, só ten un mando que lles di o que teñen que facer e non falan co resto do dispositivo”. Outro dos membros do dispositivo afirma que "non sei se fan ou non", pero relata unha experiencia da semana pasada nun dos lumes en situación 2 de emerxencia: “Eu e mais un compañeiro estivemos 13 horas traballando no lume. Cando rematamos a quenda estabamos esgotados, e de volta á base, no mesmo fogo, atopamos catro pickups (motobombas) da UME co persoal parado e coas fundas e os vehículos impolutos”.