A Mesa intersindical de bombeir@s da Galiza rexeita participar nos desafiuzamentos

Imaxe do 18 de febreiro [SG]
Nun comunicado enviado á imprensa transladan o seu apoio aos efectivos que non cortaron a cadea do portal de Aurelia Rey. Deixan claro que a súa función non é "abrir portas" e que chamar ao 080 supón asumir unha demora "moi importante" nos tempos de resposta a unha urxencia


A Mesa intersindical de bombeir@s de Galiza acaba de anunciar que non tomarán parte na execución de ningunha orde de desafiuzamento. Mediante un comunicado de imprensa, o órgano en que se integran CIG, CC OO, UGT e SIB-GAL transladaron a súa postura de "rexeitamento profundo" ao uso do servizo de extinción de incendios e salvamento para "abrir portas" para consumar despexos.

"Cómpre aclarar que a apertura de portas ou cancelas é unha actividade que escapa totalmente das tarefas que debe afrontar un bombeiro profesional cando non existe risco para persoas, animais ou bens materiais", sinala a nota enviada á imprensa. @s traballador@s acrecentan que marcar o 080 e mobilizar "a totalidade dos bombeiros de servizo nunha bisbarra" para colaboraren na apertura dun inmoble supón "asumir unha demora moi importante" nos tempos de resposta perante unha urxencia.

Malia que non entran a valorar "a xustiza ou inxustiza dun desafiuzamento", insisten en que non farán parte deles e transladan o seu apoio aos efectivos do parque da Coruña que se desprazaron o 18 de febreiro até o nº9 da rúa Padre Feijóo, o portal de Aurelia Rey, e se negaron a cortar a cadea que impedía o acceso á casa da octoxenaria. A negativa destes traballadores foi ratificada por outras equipas de bombeir@s como @s de Madrid, Barcelona, Asturies ou Granada, que fixeron pública a súa intención de non participar nas execucións hipotecarias.

Namentres na Coruña "estamos sen novas do xuíz", segundo informan @s bombeir@s na súa conta do Twitter. Medios de comunicación que tiveron acceso ao informe que a policía española redactou relatando a súa versión do acontecido o 18F sinalaron que nel non se identifican os efectivos que se negaron a abrir á forza o portal de Aurelia, feito que dificultaría a imposición de calquera sanción ao respecto. A petición aberta en Change.org para o Concello da Coruña non impor ningunha medida disciplinaria vai camiño das 65 mil sinaturas.