Educación

Aberto o prazo para solicitar as bolsas de estudos do próximo curso: estas son as contías e así podes pedilas

O orzamento destinado a bolsas de estudos ascende este ano a 2.520 millóns de euros. (Foto: Europa Press)
A convocatoria xeral ficará aberta desde hoxe até o próximo 17 de maio.

O Ministerio de Educación e Formación Profesional abre esta segunda feira, 27 de marzo, e até o próximo 17 de maio o prazo para solicitar as bolsas correspondentes ao curso 2023/2024, petición que se realizará a través da súa web. Durante os meses de agosto ou setembro as persoas solicitantes saberán se cumpren as condicións e, en caso afirmativo, poderán percibir o importe da bolsa no último trimestre do ano.

Con todo, no caso das axudas para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo a convocatoria non se abriu aínda. No curso 2022-23 o prazo para pedir esta axuda foi do 19 de maio ao 30 de setembro.

O alumnado que solicitase a bolsa poderá consultar o estado da tramitación da súa solicitude na sede electrónica do Ministerio, no apartado 'Os meus expedientes'. Tamén poderá dirixirse á unidade de bolsas da administración educativa ou universidade correspondente identificándose no expediente co seu documento de identidade.

Poderán solicitar as bolsas os alumnos e alumnas que se atopen cursando ensinanzas posobligatorias e superiores non universitarias do sistema educativo e con validez en todo o Estado español, ou ben titulacións universitarias.

Para o próximo curso, o Goberno estatal aprobou unha partida de 2.520 millóns de euros para bolsas, que chegarán a un millón de estudantes, e un subsidio universal que terá un importe de 400 euros para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, a fin de que as familias poidan facer fronte á suba de prezos. O Goberno destinará 200 millóns de euros para crear esta axuda universal ás e os estudantes que sufran algún tipo de discapacidade e que beneficiará 250.000 persoas.

Aliás, aumenta a contía da bolsa de residencia na convocatoria anual de bolsas de carácter xeral para estudos posobligatorios, que alcanzará un importe de 2.500 euros, fronte aos 1.600 do curso anterior. Este incremento está orientado a facilitar que o estudantado poida continuar os seus estudos nunha localidade distinta da propia, con especial incidencia en "familias de contornas rurais" cuxas crianzas teñen que desprazarse e residir noutras cidades para poder cursar estudos posobligatorios.

Contía das bolsas

A bolsa de estudo de carácter xeral será de 1.700 euros na contía fixa ligada á renda do solicitante; de 2.500 euros a ligada á residencia do solicitante durante o curso; de 300 euros a bolsa básica, que será de 350 euros no caso de cursar ciclos formativos de grao básico, e a contía ligada á excelencia no rendemento académico será de entre 50 euros e 125 euros.

O alumnado con necesidades específicas de apoio educativo recibirá o próximo curso até 862 euros de axuda de ensino; até 617 euros de axuda de transporte escolar; até 574 euros de axuda de comedor escolar; até 1.795 euros de axuda de residencia escolar; até 442 euros de axuda para transporte de fin de semana; até 308 euros de axudas para transporte urbano; até 204 euros de axuda para material escolar; até 913 euros de axuda para reeducación pedagóxica, e até 913 euros de axuda para reeducación da linguaxe, alén dos 400 euros de subsidio universal para gastos adicionais de carácter xeral.