"Bolígrafo violeta", o código secreto para pedir tampóns e compresas na UVigo

Cartel da campaña "Bolígrafo violeta" na Universidade de Vigo. (Foto: Nós Diario)
A delegación estudantil da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo creou unha iniciativa de ofrecer produtos de hixiene feminina as alumnas que o precisasen, puidendo pedilas como "bolígrafo violeta". Este "código secreto" ergueu unha gran polémica nas redes sociais e abriu debate no campus vigués sobre a normalización da menstruación. 

Unha boa intención transmitida dunha maneira pouco axeitada ergueu polémica esta semana nas redes sociais. A delegación estudantil da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo lanzaba unha iniciativa na que as alumnas poderían obter produtos de hixiene feminina para a menstruación no seu local se así o precisasen requirindo un “bolígrafo violeta”

Asociacións como Mulleres Pola Abolición ou Unidade de Igualdade de Vigo criticaron con dureza o uso deste “código secreto” para pedir tampóns ou compresas. “Están promovendo unha campaña de desnaturalización da menstruación, volvendo para convertela en algo escuro, sucio e a esconder”, expuña Mulleres Pola Abolición na súa conta de Twitter. Tamén numerosas usuarias acordaban nesta opinión deixando as súas críticas na conta da rede social da delegación. 

Pola súa banda, a activista Ximena González, de Marcha Mundial das Mulleres, afirmaba en conversa con Nós Diario que a utilización do termo “bolígrafo violeta, como un código secreto, fai que falar dos produtos hixiénicos semelle algo ilegal ou que debamos ocultar”.

"Cando vas pedir unha calculadora á delegación non precisas dunha palabra chave para que ninguén saiba o que pides"

O debate sobre esta iniciativa estendeuse polo campus da cidade olívica, onde este xornal puido acceder a opinións encontradas. 

Un estudante de Enxeñaría Mecánica, Andrés López, explica a Nós Diario a súa opinión dividida. “Paréceme ben a campaña no sentido de que as rapazas que sexan máis tímidas con este tema poidan pedir algo se lles fai falla; pero que en pleno século XXI poidan darse estes casos de vergoña por comentarios de terceiros é algo que aínda se ten que traballar entre todos”. Pola contra, un dos seus compañeiros de aula, Sergio García, pensa que esta campaña “desnaturaliza e esconde algo totalmente natural e que debería estar normalizado na sociedade”, apuntando que “cando vas pedir unha calculadora á delegación non precisas dunha palabra chave para que ninguén saiba o que pides”. 

Esta última opinión é a que prima nas alumnas da universidade viguesa. Sonia Álvarez, estudante de Tecnoloxías Industriais, explica ao xornal que leva “moitos anos intentando coas miñas amigas que no noso círculo se puidese falar do tema da menstruación libremente e sen vergoña e este feito de ter que chamar en chave a algo tan natural como os produtos de hixiene feminina é un completo atraso non só para min, senón para toda a sociedade”. Da mesma maneira pensa Alba Pimentel, alumna de Tradución e Interpretación, “a menstruación é algo natural e xa non temos a vergoña que poderiamos ter con 15 anos ao falar diso; o que fai que ese nome sexa algo absurdo, pero entendo que existan mulleres que aínda poidan ter timidez”. 

Rectificación e eliminación da campaña

Dada a repercusión da iniciativa, a delegación do alumnado fixo un comunicado nas súas redes sociais explicando o “malentendido creado e que campaña non é responsabilidade da universidade, xa que está feita e sufragada pola delegación”. Alén do máis, explicaron que só querían “transmitir que temos produtos de hixiene feminina, cousa que até o de agora non había en ningún lugar no Campus onde compralos” e que “chamóuselle así porque había persoas que tiñan vergonza a pedir compresas ou tampóns”. Rematan dicindo que a relanzarán cunha mensaxe máis inclusiva.