Un “bólido” brillante e ruidoso atravesou esta madrugada o ceo da Galiza

Imaxe nas redes sociais do 'bólido'

Un forte resplandor de luz foi visto por numerosas persoas en diversos puntos non só da Galiza senón tamén do norte de Portugal

Luz e estrondo ao paso dun forte resplandor que sobre a unha da madrugada do domingo ao luns atravesou os ceos da Galiza, chamando a atención de non poucas persoas. Un fenómeno que tamén se percibiu en zonas do Bierzo e do norte de Portugal.

O forte resplandor de luz (de diversas cores) e o forte ruído xeraron múltiples interrogantes entre aquelas que percibiron este fenómeno, preguntándose se era un meteorito ou ben un artefacto humano.

Unha pedra cósmica cruzou o ceo, o que provocou unha explosión moi rechamante de luz, que varias testemuñas definiron como "bóla de lume" e que causou algunhas detonacións, que mesmo fixeron vibrar algunhas xanelas.

O director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), José Ángel Docobo, consultado por Europa Press, explicou que esta pedra cósmica é "un meteoroide que vira en torno ao sol e que na súa traxectoria pode impactar na atmosfera dalgún planeta de interporse este en o seu camiño".

Estes meteoroides, que se forman a partir de restos de choques entre asteroides, cometas e outros elementos, poden, dependendo da súa masa, destruírse ao impactar coa atmosfera ou atravesala. Neste caso, a pedra cósmica, cuxo impacto na terra Docobo localizou "probabelmente na provincia de León", atravesou as capas atmosféricas máis superficiais e "ao chegar ás máis baixas, provocou unha explosión de luz e ruído que mesmo fixo vibrar xanelas", explicou o astrónomo galego.

E segundo sinalan en somoscomarca.es todo isto ten unha explicación científica. “Fíxose de día durante un par de segundos», explica o astrónomo Óscar Blanco, que se atopaba nese momento no Observatorio Astronómico da Veiga. Este suceso débese a un fenómeno natural, “un bólido. Un  meteoro moi brillante. Unha roca que entra na atmosfera e desintégrase”.