SOS Sanidade Pública di ter ''todos os permisos'' para a protesta nacional

Un intre da rolda de presa. (P.C.)
O Concello de Santiago emitiu na tarde desta quinta a autorización que cómpre para o uso de megafonía, polo que o colectivo cidadán aclara que non houbo veto a esta actividade. O eido da Cultura asina un manifesto en apoio ás reclamacións deste colectivo cidadán e censuran ''un retroceso democrático que afecta tamén á liberdade de expresión''

O veto do Concello de Compostela a calquera mostra de rebeldía que agroma do pobo comeza a ser unha constante. Até tal punto que a demora do Goberno de Ángel Currás en responder á petición dos permisos que caen dentro das súas competencias para a realización da mobilización nacional do vindeiro domingo, convocada por SOS Sanidade Pública, fixo presaxiar que tales autorizacións non chegarían. Segundo explican desde o colectivo cidadán, "os permisos chegaron onte á noite" polo que, tal e como informan nunha mensaxe colocada no taboleiro do Facebook, "contamos con todos os permisos necesarios".

Así as cousas, nunha rolda de prensa realizada nesta sexta para facer público o apoio do mundo da Cultura a esta reivindicación, o médico e sindicalista da CIG Francisco Vizoso fixo as veces de voceiro do colectivo cidadán e informou dunha prohibición que finalmente foi aclarada. Alén deste malentendido, o colectivo cidadán convocou a prensa para facer público o apoio do mundo da Cultura ás súas reivindicacións, e anunciaron que nesa 'fin de festa' actuarán Uxía, Magín Blanco, Xurxo Souto ou Sés, cun escenario improvisado nas escaleiras da Praza da Quintana, pois a Plataforma non dispón de fondos dabondo para custear a colocación dun palco.

"Estamos ante un retroceso democrático que xa non afecta só á Sanidade ou á Educación, afecta á liberdade de expresión", espetou, en referencia aos atrasos na resposta do Concello e aos últimos acontecementos que afectan á actividade socio-cultural na cidade, o escritor Suso de Toro, un d@s asinantes do manifesto Cultura e Sanidade Pública: defendemos a saúde como dereito. Nel, acusan a quen goberna na Sanidade Pública de que "non cren nela", en resposta ás palabras do titular da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feijóo, cando sinalou que "facer a cama e dar de comer a un paciente non é sanidade" ou que os recortes en medicamentos supoñen, para unha persoa pensionista, a renuncia "a catro cafés".

Ao redor da implicación de persoas da Cultura con esta nova "batalla incómoda" que debe librar a cidadanía da Galiza "contra o poder" --en palabras de Vizoso--, o autor de Tic-tac lembrou o movemento Burla Negra e as marés de xente que se ergueron ao berro de 'Nunca Máis' para explicar que "a xente considera case un deber social que apoiemos as súas reivindicacións; non sei se é unha conclusión correcta ou non, mais é así", e sinalou que o Nunca Máis tivo "importantes custos profesionais" que pagaron aquel@s que se implicaron activamente. "Mais a xente sabe o que fai, e aquí estamos, outra vez".

Están, son moit@s e cómpren ben para "facer fronte a unha reforma profundamente inxusta que supón un retroceso importante". En concreto, devolve a cidadanía galega ao ano 1986, cando a saúde era un dereito ligado a un traballo remunerado e á contribución ás arcas da Seguridade Social. Por isto, SOS Sanidade Pública advertiu xa que "a idea non é parar aquí", polo que a manifestación deste domingo é só o primeiro pulso ao Goberno galego. Á concentración unirase tamén a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e seguramente Mira por elas!, a Plataforma en Defensa da Radio e da Televisión Públicas.

No que respecta ao manifesto asinado pola Cultura, fan parte del, entre outr@s moit@s, as actrices e os actores Antonio Durán 'Morris', Isabel Risco, Patricia Vázquez e Luis Iglesia B.; as tamén escritoras Begonha Caamanho e María Reimóndez; @s músic@s Mercedes Peón, Xurxo Souto, e Uxía Senlle; a filóloga Pilar García Negro e @s pintor@s Antón Sobral e Menchu Lamas. E, por suposto, as persoas que porán música á Quintana facendo soar os temas Rumba das apertas --de Uxía e Magín Blanco-- e Tempestades de sal --de Sés--.