A Plataforma Galega en defensa do ensino público chama a boicotear as reválidas

Animan a continuar coa alta participación do boicot en cursos anteriores, que superou 80% nalgunhas convocatorias.

Representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGEDEP) presentaron esta segunda feira a campaña de boicot contra as reválidas, denominadas oficialmente como “avaliacións individuais e finais”, que “unilateralmente”, denuncian, impón  o PP na LOMCE.

 

O alto rexeitamento social - concretado nestes cinco anos en manifestacións, boicots, recollidas de sinatuas…- obrigaron o goberno a recuar e non poder consolidar o carácter académico e vinculante das reválidas para a titulación, sostén a Plataforma. Porén, engaden, existe o risco de que esa decisión do goberno non sexa definitiva, polo que cómpre manter a mobilización, contra as reválidas e contra a Lomce.

 

A publicación no DOG das ordes que regulan as reválidas coincide este curso coa aplicación das probas Pisa nun número indeterminado de centros escolares galegos que, como no caso das probas externas de 6º de Primaria e 4º da ESO, “a Consellaría ocúltalle á comunidade educativa, como unha mostra máis do escurantismo e a falta de transparencia coa que actúa o goberno galego”.

 

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, destacou que “ambas probas, PISA e reválidas, responden ao mesmo interese de introducir elementos de control académico e curricular por parte dos gobernos que obedecen fielmente os mandatos de organizacións sen control democrático como a OCDE e os grandes lobbys editoriais e do mundo das empresas privadas do ámbito educativo”.

 

Bermello fixo especial fincapé no éxito das campañas de boicot nos últimos cursos, chegando a que máis de 80% das familias non enviaran os seus fillos e fillas aos centros nos días nos que se desenvolveron as probas de Primaria e conseguindo finalmente que a proba de 4º da ESO non tivera valor académico.  En representación das ANPAS, Xosé Bustelo informou da intención das asociacións de nais e pais de oporse de novo ás reválidas.

 

A reválida en 3º de primaria, fixada para os días  23 e 24 de maio, terá carácter censual polo que estaría chamado a facelo todo o estudando deste nivel. No caso das avaliacións finais de Primaria e a ESO, nos días 29 e 30 de maio, terán un carácter mostral e neste momento descoñécese o número de centros propostos así como os supostos criterios para seleccionalos, exactamente igual que coas probas PISA.