Bocadiños de soberanía alimentar no mercado de Teo

Detalle do cartaz do Mercado, ilustrado por Leandro Lamas
Realizarase todos os sábados neste municipio lindeiro coa capital de Galiza e pretende ser un espazo de relación directa entre produtor@s e consumidor@s, alén dunha alternativa aos supermercados

As labregas e labregos da contorna de Compostela xuntaranse este sábado en Teo no que pretende ser máis un paso adiante na defensa da soberanía alimentar do pobo galego fronte á dependencia de supermercados e grandes superficies. Desenvolverán alí a primeira edición do Mercado do Alimento Labrego, unha iniciativa apoiada desde o Sindicato Labrego Galego, mais que partiu desde abaixo, d@s traballador@s dos eidos.

Foron el@s @s encargad@s da campaña de sensibilización que serviu de prólogo ao evento do sábado e na que se aseguraron de que quen merque os seus produtos saiba que supón acudir ao mercado local, fuxindo dos 'alimentos quilométricos'. Os produtos estarán distribuídos en catro blocos. Así, haberá agricultura ecolóxica, distinguida cun selo oficial; transformación local, procedente de colleitas propias; agricultura sostíbel, que agromou sen a necesidade de químicos industriais; e alimentos naturais.

Unha posibilidade de autoemprego, e un espazo para el@s
Lara Barros fai parte do SLG. Contou que o proxecto arrincou "hai uns meses" con persoas en situación de desemprego nunha formación realizada en colaboración co Concello de Teo.

"Queriamos que visen na terra, en concreto na horta ecolóxica, unha posibilidade de autoemprego", para alén de revitalizar o rural e das bondades de comer produtos da propia horta. A semente prendeu, e @s participantes nas xornadas continuarán coa formación nunha segunda parte, que desta volta será práctica. Despois haberá un periodo de acompañamento por parte d@s labreg@s do sindicato para que as primeiras colleitas medren ao xeito.

Foi nese curso onde agromou a idea de facer en Teo un mercado con produtos agroecolóxicos e de tempada, idea que foi tomando forma na campaña informativa con xuntanzas realizadas en todas as parroquias do municipio, lindeiro coa capital galega.

Serán 15 os postos que visitar nesta primeira edición, mais haberá mercado todos os sábados na praza contigua á Casa Común dos Tilos entre as 10 da mañá e as 2 do serán e estará aberto a quen queira sumarse para vender alí os produtos da súa horta. Alén da relación de compra-venda, esta iniciativa procura tamén a recuperación dun espazo no que estabelecer lazos sociais entre persoas produtoras e consumidoras, na súa maioría mulleres en ambos os casos, e no que partillar experiencias.