A boa evolución da Covid rebaixa as restricións na Galiza, que non terá municipios en nivel máximo

Ambiente nas rúas de Compostela a finais do pasado xullo. (Foto: César Arxina / Europa Press)
A decisión transcendeu a última hora desta terza feira, após o encontro da Xunta co Comité Clínico que asesora sobre a evolución da pandemia na Galiza. Ademais desta medida, as autoridades comunicaron que no nivel medio estarán Melide, Monforte, Curtis, A Pobra de Trives e Viana do Bolo.

A Consellaría de Sanidade vén de comunicar que, tras debater a situación da Covid-19 no país coas expertas e expertos do Comité Clínico, os concellos de Ordes, Melide e Monforte de Lemos baixarán do nivel máximo, no que na próxima semana non haberá ningunha localidade salvo cambios de última hora.

Ademais, ambas partes acordaron que Melide, Monforte de Lemos, Curtis, A Pobra de Trives e Viana do Bolo ficarán no chanzo alto das prohibicións, que implica medidas como a redución da capacidade nos bares e restaurantes ao 30% no interior e a unha ocupación máxima por mesa de seis persoas. Tamén continuarán fechadas as barras malia que se prevén cambios polos últimos anuncios sobre a hostalaría.

Nas zonas comúns dos negocios de hospedaxe a capacidade será do 50% e a distancia de seguridade entre a cidadanía deberá ser de 1,5 metros en diferentes espazos públicos.

O coronavirus tamén obrigará a que os seguintes municipios teñan as limitacións do nivel medio-alto: Muros, Santa Comba, Agolada, Arzúa, O Pino, Ordes, Lugo, Taboada, Antas de Ulla, Castro de Rei, Monterroso, Palas de Rei, Sarria, Arteixo, Muxía e Nigrán.