O BNG volverá levar ao Parlamento a tarifa eléctrica galega

Ana Pontón, nunha rolda de prensa (Foto: Nós Diario).
"Levamos anos defendendo medidas para abaratar o prezo da luz, como a tarifa eléctrica galega, mais Feixoo vota sistematicamente en contra", asegurou Pontón.

A portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, anunciou esta terza feira que a súa formación volverá propor no Parlamento da Galiza a aprobación dunha tarifa eléctrica propia para o país que actúe contra o "espolio" enerxético: "Galiza ten a riqueza, pero son outras empresas as que se 'forran', as mesmas que en plena onda de frío subiron o prezo da luz", argumentou.

Pontón fixo fincapé en que Galiza produce "moita máis enerxía" da que consome, mais padece os efectos máis negativos.

"Hai miles de empregos en risco polo custe enerxético e miles de familias non prenden a calefacción porque non poden pagala", expuxo a portavoz, que tamén salientou que "ducias de ex altos cargos do PP e do PSOE" traballan para as eléctricas "con salarios de escándalo".

"Levamos anos defendendo medidas para abaratar o prezo da luz, como a tarifa eléctrica galega, mais Feixoo vota sistematicamente en contra", matizou Pontón.

O Parlamento rexeitou esta medida en 2019 por mor dos votos en contra de populares e socialistas.

Centro de investigación

Por outra banda, o BNG presentou onte no Congreso unha proposición non de Lei para instar o Goberno estatal a crear na Galiza un Centro para a Competitividade e a I+D+i no Almacenamento de Enerxía. O edificio construiríase no concello das Pontes, un "enclave perfecto" para as nacionalistas.

"O Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030 estabelece obxectivos, políticas e medidas para, segundo o Goberno do Estado, alcanzar a neutralidade climática antes de 2050", indicou o deputado Néstor Rego, salientando que o plan sinala o almacenamento de enerxía nas súas diversas formas como unha das chaves para a descarbonización.