BNG solicita a comparecencia do conselleiro de Medio Rural pola vaga de incendios

A deputada do BNG, María Albert, intervindo no Parlamento. (Foto: Nós Diario).

O BNG vén de solicitar a comparecencia urxente do conselleiro de Medio Rural na Deputación permanente do Parlamento, para que explique que medidas está adoptando o Goberno da Xunta da Galiza diante da actual vaga incendiaria.

Os nacionalistas xustifican a súa decisión “ante a sucesión de lumes e nunha situación de risco extremo de incendios”, cando se manteñen activos 12 incendios forestais e a propia administración galega recoñece 4.600 hectáreas calcinadas.

A voceira parlamentaria de montes do BNG, María Albert, significa que “é realmente preocupante que estean chegando denuncias de distintas partes do territorio de brigadas que están sen a metade dos seus efectivos”.

“Brigadas cun só profesional”

“Hai incluso casos nos que a brigada só conta cun profesional”, continúa Albert, quen lembra  que “supón un risco contra a seguridade do propio traballador ademais de impedir afrontar a loita contra os lumes coas garantías necesarias”.

Albert subliña que os lumes están afectando especialmente a zonas do territorio de importante valor ambiental e natural, “que debería ter unha protección especial, como é o caso do Courel, O Invernadoiro, Trevinca, sen que contasen con medidas específicas pese a que xa teñen sido pasto das lapas nos últimos anos e mesmo nos último meses”.

O BNG demanda que o Goberno galego, a través do titular de Medio Rural, explique no Parlamento “porqué os convenios de loita contra os incendios cos concellos están maioritariamente sen asinar”.

“As brigadas municipais non están traballando”

A deputada nacionalista solicita aclaracións ao Executivo das razóns polas que “as brigadas municipais non están traballando ou os convenios de motobomba inoperativos”.

Albert denuncia que esta “situación está afectando moi gravemente nas labores de extinción pola falla de material, de medios e de apoio por parte da consellaría que dirixe José González”.

“Unha escaseza de medios que consideramos incomprensíbel a mediados de xullo”, denuncia Albert, cun verán que está a ter temperaturas extremas e despois dun inverno moi seco.