Sanidade pública

E xa van 96 semanas consecutivas de protestas: máis de 2.000 persoas volven tomar Moaña exixindo o regreso das Urxencias

Manifestación deste domingo en Moaña, a nonaxésimo sexta consecutiva. (Foto: Europa Press)
Ana Pontón avanza que o BNG proporá no vindeiro debate do Estado da Nación "un plan para recuperar todos os recursos que o PP privou á sanidade pública e principalmente á atención primaria".

A veciñanza de Moaña (O Morrazo) volveu responder este domingo de forma masiva á chamada dos colectivos en defensa da sanidade pública para defender a sanidade pública, nomeadamente os servizos de atención primaria, e exixir, máis unha vez, o regreso das Urxencias ao municipio. E con esta van xa nada menos que 96 manifestacións consecutivas ao longo das últimas 96 semanas. Case dous anos.

Este domingo, na liña doutras convocatorias anteriores, foron máis de dous milleiros as persoas que decidiron tomar as rúas, nun municipio que non chega aos 20.000 habitantes; é dicir, que —no mínimo— unha de cada dez moañesas e moañeses estaba hoxe na manifestación. A alcaldesa, Leticia Santos (BNG), estaba entre elas, e quixo agradecer a "solidariedade" e "resposta contundente e exemplar" da veciñanza. Encabezada por unha pancarta na que se podía ler 'Coa nosa saúde non se xoga', a marcha partiu pasadas as 11 horas do centro de saúde de Domaio.

Santos lembrou que até 19.474 veciños e veciñas do concello carecen de punto de atención continuada (PAC), ao ser trasladado a Cangas en abril de 2020 "coa escusa do confinamento" e coa "promesa de devolvelo ao remate da pandemia". Ademais, salientou, o PAC de Cangas ten reducido o seu equipo e na fin de semana "non hai transporte público con frecuencias axeitadas" entre ambos os concellos, "obrigando a veciñanza a facer uso do seu vehículo privado ou de taxis".

A esta nova manifestación acudiron tamén a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, e a senadora nacionalista, Carme da Silva. Pontón criticou a política sanitaria do Partido Popular e celebrou a mobilización en Moaña como "un exemplo de loita por uns servizos iguais aos que había antes da pandemia".

O PP; dixo, está "pondo contra as cordas a sanidade pública", con "continuos recortes" que no caso de Moaña, aseguru, "non son produto da casualidade", pois entende que responden a un "claro deseño do PP para deteriorar a sanidade pública e beneficiar a privada". "Desde que goberna o Partido Popular, a atención primaria deixou de investir 2.300 millóns de euros", censurou.

Ana Pontón participou este domingo na manifestación en defensa da sanidade pública de Moaña. (Foto: Nós Diario)

Para a nacionalista, os recortes na sanidade "recortan os dereitos da saúde da sociedade", e Moaña necesita solucións, pero tamén é precisa na Galiza, dixo, unha "solución global" para o sistema sanitario. Neste senso, avanzou que o BNG proporá no vindeiro debate do Estado da Nación "un plan para recuperar todos os recursos que o PP privou á sanidade pública e principalmente á atención primaria", porque "non se pode xogar coa saúde da poboación". Tamén instou a Consellaría de Sanidade e o propio Goberno galego a "deixar xa a propaganda e as mentiras" e comezar a "buscar solucións".

A portavoz nacionalista cualificou de "moi grave" que a Consellaría "continúe enganando a veciñanza de Moaña", porque a responsabilidade dos recortes, engadiu, "é do Partido Popular", e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "ten a obriga de dar unha resposta á veciñanza de Moaña nas súas reivindicacións e restituír os servizos sanitarios cos que contaban antes da pandemia. Ana Pontón chamou a Xunta a "rectificar" a súa política sanitaria e "reverter os recortes", e advertiu que a sociedade "non vai permitir que continúen deteriorando a sanidade pública".