O BNG demanda de Medio Rural un maior esforzo contra os lumes

Xosé Luís Rivas (Foto: BNG).

"A proganda da Consellería non pode negar a realidade, e a primeiros de agosto aínda se estaban a licitar os traballos de rozas en concellos de alto risco", denuncian.

O portavoz de Medio Rural do Bloque Nacionalista Galego (NG), Xosé Luís Rivas, afirma que as medidas adoptadas pola Consellería para a xestión das faixas de protección son “complexas e lentas na execución”, ademais de sobrecargar os concellos pequenos"con tarefas para as que non contan con medios nin persoal suficiente". O parlamentario do BNG reclama establecer os prazos e medidas necesarias para que a xestión do combustible nas faixas de protección sexa ultimada antes do período de risco de incendios.

Por outra parte, insta a Medio Rural a  abordar a seguridade dos núcleos de poboación con iniciativas que combatan o abandono, a plantación ilegal e a acumulación de biomasa que poña en perigo a seguridade das persoas e facendas en caso de lume, así como estudar a posibilidade de que “sexan os concellos quen xestionen directamente as faixas aportando a Consellería os medios necesarios”.

Rivas explica que as faixas de protección son  fincas situadas nas inmediacións dun núcleo de poboación destinadas a labores agrogandeiros e que constitúen un perímetro de seguranza contra o lume, "pero o acelerado proceso de desagrarización, o abandono e a forestación provocaron que moitos núcleos de poboación se vexan ameazados polo estado desas fincas sen xestionar e ateigadas de combustible".

O 17 de agosto de 2018, o DOG publica o Convenio de colaboración entre a Consellería de M. Rural, Fegamp e Seaga para o estabelecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, convenio que comeza a aplicarse no ano 2019 pero a realidade, recalca Rivas, confirma que “as medidas son insuficientes”.

Para o deputado, a situación vira a “esperpento” cando a primeiros de agosto a xestión das faixas secundarias non chega a 20% coma agardando outro episodio de lumes que provoque outra alarma social”, advirte.

"A proganda da Consellería non pode negar a realidade, e a primeiros de agosto aínda se estaban a licitar os traballos de rozas en concellos de alto risco, como A Gudiña, e en case toda a provincia de Ourense". "O propio conselleiro -engade o nacionalista- recoñece que a estas alturas do verán hai 65.000 propietarios sen notificar. Desde o BNG, engadimos que hai concellos con propietarios adheridos ao convenio que xa fixeron dous pagos e teñen o traballo sen facer por parte de Seaga". "Hai faixas de protección con pirófitas coma a acacia negra sen retirar", recalca.

“A prevención e protección das vidas dos cidadáns dos núcleos do medio rural non se fai con propaganda, hai que poñer en marcha medidas efectivas que devolvan a protección aos núcleos rurais e recuperar a actividade agrogandeira perdida por políticas suicidas que sumiron gran parte do noso territorio na infrautilización e no abandono”, conclúe.