BNG pide modificar a lei para crimes como o de Diana Quer seren considerados violencia machista

Olalla Rodil, desde a tribuna no Parlamento

A actual lexislación só categoriza como delitos de violencia de xénero aqueles que se producen no ámbito das parellas.

“A lexislación estatal ten que avanzar para que a violencia sexual contra as mulleres fora do ámbito da parella tamén sexa recollida como violencia machista", afirmou esta terza feira a parlamentar do BNG Olalla Rodil, quen ofereceu unha conferencia de imprensa no Parlamento galego.

 

“Estamos diante dun feminicidio, un problema estrutural que atinxe milleiros de mulleres no noso país máis alá das relacións de parella”, avaliou a deputada nacionalista.

 

O problema radica na actual lexislación estatal -Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero-, unha norma que, a diferenza da lei galega de 2007, limita a consideración de crimes de violencia de xénero aqueles que se producen no seo de parellas estabelecidas como tais. Unha agresión brutal como a sofrida por Diana Quer -un ataque que, enfatizou Rodil- se produciu contra esta moza polo simples feito de ser muller- ficaría, portanto, fóra da tipificación dos delitos contra as mulleres estabelecida no ordenamento xurídico español.

 

A parlamentar frontista -que expresou as condolencias á familia e persoas achegadas desta nova vítima da barbarie machista- voltou a reclamar un maior compromiso da Xunta de Galiza no combate contra esta forma de "terrorismo" e nese sentido reiterou a proposta -non asumida polo PP- de dedicar no mínimo 1 por cento do orzamento da Administración autonómica ás políticas públicas contra esta "sistemática violación dos direitos humanos".

 

De ser aceitada a proposta do BNG, os fondos a disposición da Administración galega nesta materia multiplicaríanse por 20 até alcanzar a cifra de 90 millóns de euros. “Ningún acordo político, social ou institucional se pode facer efectivo sen os recursos suficientes para poñelo en práctica”, salientou Rodil.

 

Reflexión aos meios

 

A parlamentar debruzouse tamén sobre o tratamento informativo dado durante estes meses por determinados meios de comunicación ás circunstancias que arrodearon o desaparecimento de Diana Quer. Nese sentido, pediu unha "reflexión profunda" após criticar que se "xulgase a súa conduta, até a súa forma de vestir". Rodil instou a imprensa a aplicar as recomendacións do Colexio de Xornalistas de Galiza de 2004, -Declaración de Compostela-, a xeito de guía para realizar unha cobertura informativa ponderada e respeitosa con todos os direitos das mulleres.

 

Denunciou Rodil que a violencia machista é un "problema estrutural" dunha sociedade que "non é capaz de garantir que as mulleres podamos volver as nosas casas sen o temor a ser atacadas e agredidas cando volvemos de festa”.