O BNG mostra o seu apoio á ILP do ensino público, que xa suma 23.000 sinaturas

Acto de presentación da ILP

A Iniciativa Lexislativa Popular de medidas para restituír os dereitos laborais, profesionais e retributivos do profesorado e mellorar a calidade do ensino en Galiza, promovida pola CIG-Ensino, conta xa co apoio de 23.000 sinaturas.

 

O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera e o deputado, Cosme Pombo mantiveron esta quinta na Cámara do Hórreo unha xuntanza cunha delegación da CIG-Ensino encabezada polo seu secretario nacional, Anxo Louzao. Os parlamentarios trasladaron o apoio da fronte nacionalista á Iniciativa Lexislativa Popular promovida por este sindicato e que conta xa co aval de 22.918 sinaturas. A ILP demanda a restitución dos dereitos laborais, profesionais e retributivos do profesorado e mellora da calidade do ensino en Galiza. .

Para o deputado Cosme Pombo, a ILP coincide coas propostas defendidas no Parlamento galego polo BNG entre as que destacou a necesidade de acadar un ensino público Galego “de calidade” que asegure o dereito Universal de todas as galegas e todos os galegos, en igualdade de condicións á educación pública. Neste sentido lembrou que o BNG denunciou, en reiteradas ocasións, na Cámara galega os recortes da Consellería de Educación, “máis de 400 millóns de euros durante os últimos cinco anos”.

A CIG-Ensino agarda ter reunións co resto de grupos parlamentares sobre estas ILP.