O BNG instala un “hospital de campaña” en Vigo en defensa da sanidade pública

Protesta no CHUVI

O Bloque organiza esta segunda feira un acto reivindicativo en plena rúa do Príncipe “para simbolizar a situación de emerxencia da sanidade pública na primeira cidade do país e na súa área de influencia”. Participarán Xavier Vence e Serafín Otero.  

 

Na mañá desta segunda-feira, o BNG instalará un “hospital de campaña” na céntrica rúa do Príncipe en Vigo para “simbolizar a situación de emerxencia da sanidade pública na primeira cidade do país e na súa área de influencia”. Durante o acto, baixo o lema “tensiónate en defensa da sanidade pública”, persoal sanitario tomará a tensión a calquera viandante como forma de reivindicación. 

A formación nacionalista protesta contra o colapso de urxencias no CHUVI ou os despedimentoss en Povisa

Así, o BNG desenvolverá un acto de protesta “en defensa dun sistema sanitario precarizado pola política de recortes e de privatizacións do PP que tivo como último episodio o colapso do servizo de urxencias do CHUVI, en palabras do propio presidente da Xunta, por ter que atender once operacións de cadeira, explicación inaudita considerando que a poboación da área sanitaria de Vigo ascende a 437.000 potenciais usuarios e usuarias, segundo a súa propia información”. 

A protesta coincide coa folga en Povisa “tras o despedimento de 13 traballadores e traballadoras deste hospital privado”, que o Bloque cre que “prexudica a calidade da prestación sanitaria dun hospital privado que vén de asinar un convenio co Sergas por importe de 75 millóns de euros anuais durante oito anos, e que acaba de declarar uns beneficios de once millóns de euros”.

Nese acto reivindicativo de carácter simbólico participará persoal sanitario, ben como o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e o cabeza de lista en Vigo, Serafín Otero.