O BNG exixe un protocolo “conciso e claro” que garanta a volta segura ás aulas

Manuel Lourenzo (Imaxe: Arxina)

Garantir a seguridade do profesorado e do alumnado, reducir ratios, facilitar a conciliación e contratar persoal son as principais reivindicacións que esta mañá trasladou o portavoz en materia de educación do grupo parlamentar do BNG, Manuel Lourenzo, en rolda de prensa tras unha reunión con representantes da comunidade educativa.

Após a xuntanza, Lourenzo puxo de manifesto a “preocupación” de representantes do profesorado, do alumnado e das familias polo “abandono” ao que están sometidos ante o inicio do curso escolar.

Nun momento en que exixe “responsabilidade” e que se estea “á altura”, atopamos, afirmou o deputado, “un Goberno do PP que fai absoluta deixación de funcións e que descarga as responsabilidades na comunidade educativa”.

A día de hoxe, sinalou, “un dos principais retos que temos como sociedade” pasa por garantir a volta ao ensino “segura”. Para iso, reivindicou un protocolo de regreso ás aulas “claro e conciso” e salientou a necesidade de que esa volta sexa presencial, se así o permite a situación sanitaria, por ser “o mecanismo que garante a igualdade, a equidade e a calidade” no ensino.

Parálise da Xunta

“Non entendemos como nestes cinco meses, o Goberno de Feixoo estivo máis preocupado por empregar a pandemia en termos electorais e por botar balóns fóra que por adoptar medidas que son fundamentais”, apuntou, para denunciar de seguido a “parálise absoluta” da Xunta, á que acusou de non contar con “ningún só sector da comunidade educativa”.

Lourenzo, que é profesor de instituto, apelou a non descargar a responsabilidade do Goberno galego nos equipos docentes e nas Anpas e emprazouno a dar certezas e non inseguridades.

Criticou Feixoo por non afrontar os debates sobre a redución de ratios e incremento da distancia entre o alumnado; a contratación de persoal e a conciliación e reclamou “financiamento suficiente” para atender todas estas necesidades.

Ademais de emprazar a Xunta a exercer as súas competencias, preguntouse que vai acontecer coa conciliación no caso dunha volta ao teletraballo e cos comedores.