Exixen ao Sergas o seguimento de casos de agresión sexual por submisión química

Chomplexo Hospitalario Universitario de Ourense (Foto: Nós Diario).
A deputada do BNG Noa Presas remarcou que urxencias de Atención primaria,  Puntos de Asistencia Continuada (PAC) e Centros de Información a Muller (CIM) deben implicarse, para o que considera necesario "garantir a formación dos profesionais” do eido sanitario.

A deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento Noa Presas exixiu nesta quinta feira que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) desennvolva un protocolo e accións de seguimento dos casos de agresión sexual por submisión química, especialmente cando se producen intoxicacións de burundanda ou outras substancias como a Ketamina e o éxtase líquida.

A deputada tamén instou a desenvolver unha campaña de informacións nos centros educativos e a posta en marcha dos medios necesarios nos hospitais galegos para que se poidan desenvolver as análises precisas das substancias utilizadas neste tipo de agresións sexuais.

Para Presas, "aínda queda moito por avanzar”  para que as vítimas conten con todos os recursos, porque a pesar da aprobación  do protocolo  interinstitucional, “nin sequera existe unha orientación específica e con acceso á páxina web da Secretaría de Igualdade”.

A deputada lembrou que o futuro Pacto de Estado contra a violencia propiciará, en coordinación coas autonomías, a implantación dun centro de atención 24 horas en cada provincia, pero matiza que o BNG agarda para saber “con que dotación e recursos”.

Protocolo no CHUO

A nacionalista, que entrou no Parlamento nas listas de Ourense, lembrou precisamente que, ante o aumento dos casos denunciados nos medios de comunicación de Ourense, o BNG rexistrou diversas iniciativas  para “impulsar  o Protocolo novo no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) para unha mellor e máis pronta actuación e detección”.

Segundo Presas, o propio conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou no seu momento que se estendería a todos os hospitais, mais non se chegou a producir "ningunha comunicación oficial por parte da  Consellaría de Emprego e Igualdade ou dalgunha forza policial", criticou.

“É necesario e positivo que se impulsen protocolos de actuación entre todas as partes da cadea de atención e de forma específica para a violencia machista” afirmou, para engadir despois que estas actuacións deben ir acompañadas de campañas de divulgación entre os diferentes axentes.

A deputada volveu a preguntar pola valoración da Xunta respecto do funcionamento do novo protocolo de violencia sexual impulsado no CHUO para os casos de submisión química e a evacuación de números de casos investigados nos últimos 3 anos.

Difusión social imprescindíbel

Após a intervención do Xerente do Sergas, José Flores, que anunciou que as mulleres vítimas deste tipo de agresións contarán, nun futuro inmediato, cunha actuación "garantista", a deputada insistiu na necesidade dunha "difusión social imprescindíbel” sobre a existencia da submisión química e de que “hai protocolos e unha administración que atenderá a quen sufra esta violencia”.

Presas engadiu que é necesario superar os prexuízos e afirmou que “80% das agresións sexuais son producidas por persoas coñecidas”. Porén, sinalou que as enquisas apuntan que a idea máis popular é a do encarrapuchado na rúa e nunha noite escura. "O protocolo debe ir na dirección de visibilizar a submisión química e a conciencia de que isto acontece”.

A nacionalista remarcou que urxencias de Atención primaria,  Puntos de Asistencia Continuada (PAC) e Centros de Información a Muller (CIM) deben implicarse, para o que considera necesario "garantir a formación dos profesionais” do eido sanitario, concluíu.