O BNG exixe que se fagan probas da Covid-19 en todas as granxas de visóns

Visóns americanos nunha xaula. (Foto: WWF)
Unidas Podemos tamén presentou no Congreso unha pregunta ao respecto deste asunto. A entidade ecoloxista Adega xa advertiu hai varias semanas que as empresas dedicadas a cría na Galiza poden contribuír á dispersión do coronavirus.

Non só as entidades ecoloxistas están preocupadas porque as granxas de visóns, gran parte das cales están na Galiza, poidan ser un foco de contaxios e expansión da pandemia. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, pediu onte ao Goberno que realice probas de coronavirus en todos os espazos dedicados a esta actividade.

A entidade ecoloxista Adega, que leva anos loitando polo feche das 26 granxas que hai no país (as tres cuartas partes do total do Estado), instaba á Xunta a tomar medidas pola saúde da poboación hai unhas semanas.

Esta sexta feira o tema dou o salto ao panorama estatal pois, segundo o Bloque, “xa se constatou a transmisión do coronavirus destes animais a seres humanos”. Aliás, na Galiza hai moitas destas empresas destinadas a fornecer de materia ás peleteiras. 

Rego pediu no Congreso que se continúe cunha política xa estabelecida noutros países europeos e se realicen “probas masivas en granxas e poboacións de visóns”, así como en localidades próximas ás granxas. "Esta pandemia evidenciou a tremendamente dispar actuación dos Gobernos" manifestou o deputado nacionalista, que puxo de exemplo a Bulgaria, Polonia ou Francia.

“O Estado español só se limita á realización de test se existen sospeitas de síntomas, algo perigoso se se ten en conta que os mustélidos, do mesmo xeito que os seres humanos, poden ser asintomáticos”, revelou.

O tamén galego Antón Gómez Reino, deputado de Unidas Podemos-En Común Podem-Galicia tamén rexistrou unha pregunta para coñecer cal é a “aplicación dos protocolos” para detectar o virus nestas infraestruturas tan polémicas.

Referiuse a Adega para destacar que só se fixeron probas en 4 das 26 granxas activas no e advertir de que hai especial preocupación en Abegondo e Carral, municipios da contorna da Coruña que concentran varios negocios deste tipo.

Dano ecolóxico

O deputado do BNG aproveitou para falar tamén do impacto medioambiental que teñen estas instalacións e o seu “efecto nocivo sobre a diversidade”. Isto sucede especialmente cando escapan e acaban con flora e fauna autóctonas. Por iso, preguntou “cantos fondos públicos estatais e europeos foron empregados na captura e/ou sacrificio de visóns americanos fuxidos ou xa estabelecidos” na Galiza entre 2009 e 2019.

“O seu impacto, neste novo contexto transcende do ambiental para converterse nun vector de transmisión da Covid-19, constituíndo un risco engadido para as poboacións periféricas e para a loita contra esta pandemia”, resumiu.