FALAMOS CON ANA MIRANDA

O BNG espera que o informe da Comisión Europea sobre o accidente do Alvia mude o rumbo do xuízo

Ana Miranda

Ana Miranda salienta que nos próximos días a Comisión Europea fará público o informe que redactou a raíz da visita da Plataforma de Vítimas do Alvia ao Parlamento Europeo en novembro de 2015, unha visita tivo lugar a instancias do BNG. En declaracións a Sermos Galiza, Miranda di que espera que se deriven "responsabilidades políticas".

A pasada quinta feira, 21 de abril, a representante do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, dirixiuse ao director xeral de Seguridade Ferroviaria, Olivier Onidi, para solicitarlle o informe redactado pola Comisión Europea sobre o accidente do Alvia en Angrois. Este ditame ten a súa orixe na visita da Plataforma das Vítimas do Alvia a Bruxelas, organizada polo BNG, que tivo lugar o 17 de novembro.

“Daquela reunímonos co director xeral responsábel da seguridade ferroviaria, Olivier Onidi, e cos máximos responsábeis non só da comisión, senón tamén da Axencia Ferroviaria Europea. Nesa xuntanza, da que participaron as vítimas, a Comisión detectou elementos novos e así o definiu ante a prensa”, explica Ana Miranda en declaracións a Sermos Galiza. “E eses elementos novos que detectaron na reunión implicaron a realización dun informe complementario, novo, aos informes que emitiron polo accidente”, engade.

"A propia Comisión emprazara o Estado español a acelerar a independencia dos órganos que examinan os accidentes, pois son nomeados polo Ministerio de Fomento e iso non garante a independencia"

A representante do BNG en Bruxelas sinala que a Comisión detectou “falla de independencia” por parte do organismo verificador. De feito, salienta que “uns meses antes, a propia Comisión emprazara o Estado español a acelerar a independencia dos órganos que examinan os accidentes, pois son nomeados polo Ministerio de Fomento e iso non garante a independencia”.

Sobre o xuízo, Ana Miranda salienta que a única imputación, a do maquinista, ten que se ampliar a responsábeis políticos, “hai unha serie de responsabilidades políticas que non se tomaron e se se aporta ao xuízo o relatorio da Comisión en relación á falla de independencia do organismo verificador do sinistro, ou se este relatorio advirte dalgún indicio ao respeito, é posíbel que mude o curso do proceso e que se amplíen as responsabilidades políticas”.

"Eses elementos novos aos que faI alusión a Comisión poden derivarse da falla de independencia do organismo verificador do accidente"

Insiste en que non coñece os contidos do informe da Comisión pero “polo que din, eses elementos novos aos que fan alusión poden derivarse desa falla de independencia”. “O informe que a Comisión Europea vai emitir é fundamental”, subliña.

Dúas vías abertas na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo

En declaracións a Sermos Galiza, Ana Miranda lembra que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo ten abertas dúas vías a raíz de dúas denuncias presentadas. “Unha pola falla de independencia e outra pola publicidade enganosa do Ministerio de Fomento, que dicía que había un AVE cando o que había era un tren de velocidade alta”.

"Por fontes extraoficiais, teño coñecemento de que o informe está finalizado"

“Agora é cuestión de tempo. O informe da Comisión Europea vai ver a luz en breve. Comprometéronse a publicalo en marzo ou abril e, por fontes extraoficiais, teño coñecemento de que está finalizado”, indica Ana Miranda, que espera unha resposta da Comisión a principios da semana que entra. Entre maio e xuño, unha vez se coñeza o informe, volverá viaxar coa Plataforma a Bruxelas.