O BNG esixe á Consellaría de Medio Ambiente solucións ás verteduras continuadas ao río Furelos en Melide

Imaxe de verteduras no Río Furelos
O deputado Mini Rivas denunciu na Comisión de Medio Ambiente desta terza feira as verteduras procedentes do polígono da Madalena ao río Furelos, no seu paso por Melide. O parlamentario puxo o foco na falta dunha depuradora para sanear os residuos das empresas. En xullo o Concello denunciou a mortaldade de 10.000 peixes.

Esta terza feira o deputado do BNG Mini Rivas esixiu solucións á Consellaría de Medio Ambiente as verteduras ao río Furelos, no seu paso polo concello de Melide. “É sabido que o polígono da Madalena (Melide) conta cunha moi boa implantación e actividade, e que verte libremente ao rego de Piñor, que dá as súas augas ao Furelos”, denunciou o deputado Durante a reunión da Comisión de Ordenación Territorial, Obras Publicas, Medio Ambiente e Servizos.

Rivas denunciou que o polígono de Melide “carece de depuradora”, razón pola que os residuos industriais son vertidos ao río. Medio Ambiente, afirmou, incorre “nunha imprudencia temeraria” por permitir “un polígono sen EDAR nin vixilancia”. O deputado nacionalista insistiu que é de obrigado cumprimento que o impacto medioambiental xerado por actividade industrial “sexa debidamente controlado e minimizado, por medio de dispositivos que reduzan os refugallos contaminantes e principalmente, a contaminación das augas”.

Desde o ano 1993 até o 2007, explicou o parlamentario, o Goberno municipal do Partido Popular en Melide “consentiu a falta  dunha EDAR” a pesar do medre das exixencias de solo industrial. O deputado criticou a resposta da directora xeral de Medio Ambiente, Belén Docampo, que afirmou que a consellaría tivo coñecemento da problemática das verteduras “no mes de agosto de 2019”.

Mortaldade de 10.000 peixes en xullo

O 12 de xullo un vertido causou a mortaldade de 10.000 peixes no río Furelos, segundo o consistorio de Melide. O 24 de xullo a consellaría de Medio Ambiente prohibiu a pesca no río Furelos e no regato de Reboredo ao seu paso por Melide, “para recuperar as condicións de habitabilidade piscícola” tras as verteduras rexistradas na área procedentes dunha empresa láctea. A Consellaría incoou un expediente sancionador á empresa pola comisión dunha infracción administrativa grave en materia de pesca fluvial, compatíbel coa esixencia dunha indemnización polos danos causados.

Paralelamente a Consellaría puxo en marcha estudos para determinar a incoación dun segundo expediente administrativo sancionador por unha infracción moi grave, xa que os danos afectaron a un tramo de río pertencente á Rede Natura 2000. Neste caso a Consellaría dirixíase tanto á empresa láctea como ao Concello, que deberán asumir a reparación do dano causado cun proxecto de restauración.

O Concello de Melide presentou unha demanda ante o xulgado de primeira instancia e instrución número 1 de Arzúa para trasladarlle esta problemática, por se as verteduras “fosen constitutivos de delito medioambiental”. O concello sinalou que as empresas identificadas pola Xunta “fixeron caso omiso dos requisitos do Concello, que as instou a adoptar medidas urxentes para o seu cese inmediato”. Debido a isto o Goberno local precintou as conexións das empresas coa rede de saneamento e presentou denuncia pola continuidade das verteduras.

A Garda Civil informou de verteduras en marzo

O 17 de marzo saltaron as alarmas cando os pescadores do río Furelos, no concello de Melide, detectaron unha capa de escuma na auga. Pouco despois a Garda Civil do municipio e unha patrulla do Seprona de Milladoiro identificaron a dúas empresas, situadas no Polígono industrial da Madalena, por suposta vertedura de augas residuais. O Instituto Armado deixou constancia da detección dunha vertedura “de cor vermella e branca, con restos de plumas de aves, onde se apreciaba un forte olor a sangue e produtos lácteos”.

As dúas empresas foron identificadas como os puntos de orixe das verteduras. “Confírmase que ambas canalizan os vertidos á rede de saneamento carecendo dun tratamento previo e eficiente que evite a afección da totalidade dos máis de dous quilómetros do rego de Piñor, afluente do Furelo, así como a este último”, informou a Garda Civil. Persoal do Plan de Control de Vertidos da Xunta tomou mostras no lugar e os feitos foron postos en coñecemento de Augas de Galiza e da Consellaría de Medio Ambiente mediante a acta correspondente.