Novo recorte ferroviario

O BNG esixe a restitución do tren Vigo-Madrid con paradas en Ourense

O BNG vén de levar ao Congreso unha iniciativa na que esixe que se restitúa o tren Vigo-Madrid que facía paradas en Ribadavia, Ourense, Monforte e no Barco.

O tren Vigo-Madrid que facía paradas en Ribadavia, Ourense, Monforte e no Barco pasou a ser substituído por un tren Ponferrada-Madrid, feito que provocou malestar entre as persoas usuarias do traxecto ao seu paso por Galiza. As parlamentares do BNG no Congreso, Rosana Pérez e Olaia Fernández Davila, veñen de presentar unha iniciativa na que piden explicacións por esta mudanza e na que esixen a restitución do convoi ou unha alternativa que lles ofreza ás persoas usuarias un servizo coas mesmas paradas en territorio galego.

O caso denunciado polo BNG nas Cortes representa máis un exemplo de como o Goberno central favorece as liñas de AVE en detrimento das liñas convencionais e dos servizos de medio distancia. Neste sentido, as nacionalistas advirten da importancia de manter o ferrocarril de media distancia “nun territorio como Galiza, que carece de cercanías”. A “obsesión” polas liñas do AVE “supón a desaparición do existente sen que se ofreza outra alternativa nin se mellore o presente”, sinalan na iniciativa.

“Á vista de todo isto está claro que o modelo para Galiza é do máis reducionista: ficaremos cun mal definido AVE e cun Eixo Atlántico que conecta as principais cidades galegas pero sen ter tren entre poboacións intermedias que antes contaban con servizos de tren”, denuncia o Bloque que insiste en criticar o “escurantismo” do Ministerio de Fomento, que “non deu información transparente ás persoas usuarias, que simplemente se atoparon cun servizo eliminado”.

Galiza segue a ser das poucas autonomía a nivel estatal que carecen de servizos de proximidade

Galiza é das poucas autonomías a nivel estatal que non posúe unha rede de proximidade cando é unha das que maior dispersión poboacional ten. A área metropolitana da Coruña e a de Vigo superan en número de habitantes zonas do Estado español onde as usuarias si gozan dun servizo de proximidade.

Tramos como o da Coruña-Ferrol ou o de Vigo-Pontevedra suman máis de 600.000 habitantes, cifra que se aproxima á de Guipúzcoa (que conta con 691.000 habitantes) e cifra claramente superior á de Murcia (416.000 habitantes) e á de Santander (300.000 habitantes), núcleos que si contan co servizo de cercanías