O BNG esixe controlar as emisións de radon

Vista aérea de Moaña.

O radon é un gas radioactivo que se atopa nos solos, rochas e auga de forma natural. É a maior fonte de exposición humana á radioactividade natural e ten unha importante presenza en toda a codia terrestre, especialmente en solos graníticos fracturados, como o galego. O BNG esixe lexislar o seu control.
 

Incoloro, inodoro e insípido, este gas entra nas edificacións a través de paredes, tubaxes, cerramentos en contacto co chan e fendas na cimentación, pasando rapidamente a sotos e vivendas. Numerosos estudos colocan Galiza como unha das zonas con maior irradiación do Estado e demostran que as persoas expostas a niveis elevados deste gas teñen un maior risco de desenvolver cancro de pulmón.

 

Desde o BNG reclaman a posta en marcha dun Plan de protección contra o radon nas vivendas e centros de traballo, así como un Plan de medición e redución deste gas nos espazos dependentes da administración autonómica, como centros de saúde, escolas ou edificios administrativos. Así o prescribe a directiva europea sobre gas radon, en vigor desde 2014.

 

Da mesma maneira, os nacionalistas reclaman ao Goberno español a inclusión no Código Técnico de Edificación de medidas de prevención e protección fronte á contaminación por radon e a posta en marcha de políticas de saúde pública que inclúan a información á poboación e a medición dos niveis de radiación.