O SáBADO EN DONOSTI

O BNG, EH Bildu e a CUP súmanse á manifestación pola liberdade de Otegi

Arnaldo Otegi nun acto público

O próximo sábado Donosti acollerá unha manifestación para reclamar a posta en liberade de Otegi. Entre as formacións que se suman á convocatoria atópanse o BNG, EH Bildu e a CUP, amais de sindicatos como ELA e LAB.

Membros da plataforma Arnaldo Askatu (Arnaldo libre) informaron en rolda de prensa esta mañá das adhesións á manifestación que terá lugar o vindeiro sábado en Donosti pola liberación do ex dirixente abertzale. Entre as organizacións que se suman á mobilización están o BNG, a CUP, EH Bildu, EB-Berdeak e os sindicatos ELA e LAB. Tamén apoian a marcha a título persoal, tal e como recolle Europa Press, o socialista Jesús Eguiguren e a avogada Doris Benegas, irmá do dirixente socialista “Txiki” Benegas.

Na rolda de prensa, as persoas participantes, entre as que se atopaban o dirixente de Sortu Pernando Barrena, a portavoz de EH Bildu Ainhoa Beola ou o ex secretario de Saúde Laboral de CCOO Jesús Uzkudun, lembraron que seis anos após a condena por tratar de reconstruír Batasuna, Miren Zabaleta, Sonia Jacinto e Arkaitz Rodríguez foron postos en liberdade, mentres que Otegi segue na cadea. Tamén se referiron ao “empeño en manter na cadea aos que non pretendían senón buscar a liberdade polo camiño da paz” e criticaron o Estado, “contrario a resolver o conflito pola vía do diálogo e do consenso”.

Nestes anos a plataforma Arnaldo Askatu organizou diversos actos que contaron coa participación de representantes de partidos como o PNV, CUP o EH Bildu, amais de visitas a Otegi no cárcere de Logroño con presenza destas formacións y de, entre outros, ERC o PSN.